No centenario de Cilistro

Celestino Fernández de la VegaVivimos nun país de desmemoriados. Celestino Fernández de la Vega, un dos grandes pensadores e intelectuais galegos do pasado século, estivo de centenario este 23 de setembro e poucos o lembraron, o que non deixa de ser sintomático de ata que punto a nosa é unha cultura de fastos e nefastos, onde se recorda só o que se quere recordar. Se o último 5 de xullo os membros da RAG non decidisen que Xosé Filgueira Valverde fose o persoeiro ao que debía dedicárselle o vindeiro Día das Letras e Fernández de la Vega non perdese, por un voto, a derradeira quenda de votación fronte á candidatura do polígrafo pontevedrés, seguramente este artigo se vería rodeado dunha imparable fervenza de textículos recordatorios, que cantarían as excelencias indiscutibles dun ensaísta sen par. Pero non foi así e o filósofo lugués ficou novamente á sombra, relegado ao neboeiro mesto dos que camiñan polas marxes.

Celestino Fernández de la Vega, Cilistro, foi o máis insigne dos escritores de Friol, a vila luguesa na que, como digo, este 23 se fixo un século da súa vinda. Fillo de notario que tamén exercía de xuíz, seu pai quixo que seguise os seus pasos profesionais, pero a aquel neno discreto cando se atopaba en público e rideiro e bulidor na intimidade familiar non lle tiraban os manuais de Leis, senón profundar nas filosofías dos grandes pensadores que no mundo foran, o que explica que con catorce anos lera xa (e con proveito!) a Crítica da razón pura de Kant. Secasí, non quixo desgustar o proxenitor e acabou indo estudar, a O segredo do humorSantiago primeiro e logo a Madrid, Dereito e, cos anos, exerceu como técnico da Administración Civil, labor no que chegou a ser un profesional de recoñecido prestixio e publicou manuais de referencia como La tecnificación de la Administración Pública (1962).

Tense reiterado ata o cansazo que Cilistro é autor dunha obra ensaística moi breve, que publicou un único libro, como se a estas alturas non estivese claro xa que no mundo das letras os valores non se estiman ao peso. É certo que a súa obra cimeira é O segredo do humor (1963), pero tamén é verdade que chegou a asinar outra vintena de ensaios ao longo de case corenta anos de dedicación e que con apenas vinte anos xa andaba reflexionando verbo das ideas de Miguel de Unamuno.

A Cilistro debémoslle reveladores ensaios a propósito de artistas como Carlos Maside, George Braque, Tino Grandío ou Luís Seoane, esexeses impagables da escrita de Rosalía, Valle-Inclán, Castelao, Pimentel, Fole ou García-Sabell e diálogos de ti a ti con Nietzsche, Baroja e outros. Mercé á súa teimosía en aprender a lingua de Goethe puido ser o milagre de ver publicada na España franquista de 1956 Da esencia da verdade, decisiva conferencia ditada por Martin Heidegger en 1943. Grazas a el temos dende 1952 en galego o Cancioeiro da lingua céltiga que Julius C. Pokorny dispuxera en 1944. E foi Cilistro tamén que con maior acuidade investigou sobre a orixe histórica e o sentido dun enigmático lugar de culto en El Enigma de Santa Eulalia de Bóveda (1970).

Ramón Piñeiro e Celestino Fdez de la VegaAínda hai moito Cilistro por estudar, moito pensador que recuperar. ¿Quen aquilatará o interese do conxunto da súa articulística en prensa, quen analizará o valor do único conto que publicou, quen porá por xunto os seus textos dispersos sobre crítica pictórica ou sobre grandes nomes da Literatura e a Filosofía, quen as moi interesantes e escasas entrevistas que concedeu, quen…? A Carlos Fernández, Ramón López Vázquez ou Siro, cilistrianos de vello, corresponde o reto, tamén si a todos os que queiran facer xustiza a un autor que ben tería merecido un centenario luminoso.

[Faro de Vigo, “Faro da Cultura”, 25-9-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.