O achado de Manuel Núñez Singala

o achado do castroA colección Costa Oeste da Editorial Galaxia recupera O achado do castro, peza teatral de Manuel Núñez Singala que publicara no seu día orixinariamente Sotelo Blanco Edicións e que, dende a súa aparición en 1991, gozou dun rotundo éxito entre o público lector e os profesionais e amateurs da escena, que a representaron en innúmeras ocasións.

O achado do castro é unha comedia na que o humor o é todo, unha historia que, pulando por riba do anacrónico e profundando na súa esencial hilaridade, nos retrotrae á Roma histórica da man duns personaxes arquetípicos que se comunican nun galego inzado de latín macarrónico e que se enlean en enredos cómicos cheos de equívocos e confusións que producen no lector/espectador unha clara empatía e doado recoñecemento.

O texto orixinal —que para esta nova edición apenas se se puxo ao día normativamente e rexistrou mínimos axustes nas indicacións escénicas— foi representado por vez primeira na primavera de 1983 no Instituto de Bacharelato Basanta Silva de Vilalba, onde o estreou un grupo de estudantes daquel centro entre os que se atopaba, xustamente, o propio autor e aínda unha súa irmá e outros amigos e amigas destes.

Dous peculiares ladróns, absolutamente antitéticos, parella prototípica de parvo e listo, de gordo e fraco, case que ao Laurel and Hardy pero de época; dous soldados que son case que neutrais observadores dunha imaxinaria ONU do pasado e que se limitan a rexistrar o acontecido e sentenciar cara ao público o resumo do que vai configurándose; Carmiñae e Manolitus, par central da obra e tolos namorados ao Romeo e Xulieta, filla ela do Emperador e el de Arpexia, a máis raposeira comerciante do Imperio, que teñen diferenzas sobre a conveniencia da unión dos seus fillos; Citrón, sabio dócil aos caprichos dun emperador gordo, decadente e vulgar, adulador e compracente co seu césar pero, no fondo, escéptico e descrido de todo o que pasa ao seu redor; e, finalmente, un escravo negro, espelido e irónico, que achega a visión sanchopancesca a todo o despropósito no que se manexan os personaxes.

manuel nuñez singalaSe por algo se caracteriza este O achado do castro é, abofé, pola efectividade irresistible da súa vis comica, o próximo e natural dos parlamentos, a capacidade para conseguir que obviemos os reparos respecto da inxeleza da estrutura, caracterización actorial e acabado estilístico en aras do innegable arrastre que producen as confusións, trasacordos e desatinos duns personaxes que son tan auténticos coma imposibles.

Tras case un cuarto de século entre nós, O achado do castro de Manuel Núñez Singala segue a ser unha óptima aposta para a representación escolar, amateur e xeral e, tamén si, unha moi recomendable lectura para todos os que queiran pasar un anaco verdadeiramente divertido cunha historia lixeira pero ben construída.

[Galicia Confidencial, 12-9-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.