Francisco Luis Bernárdez: entrando en materia

Francisco Luis Bernárdez (esquerda) coa súa esposa Laura, súa irmá Aurora Bernárdez e Julio Cortázar, seu cuñadoHai tempo que medra en min o interese pola figura do escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Bos Aires, 5-10-1900—24-10-1978), gran poeta arxentino e destacado ensaísta en galego ao que ben poucos parecen lembrar neste país de desmemoriados no que nos empeñamos en exportar a faramallada, condenando o pano a ser trazado na arca pola couza.

A súa estirpe procedía de San Martiño de Lago, na parroquia do concello ourensao de Maside, e alí regresou o poeta sempre que puido. Por exemplo, sendo mozo de apenas vinte e dous anos, cando pasou en Galicia tres anos traballando como redactor de El Pueblo Gallego, medio no que publicou algún dos primeiros escritos de tema galego.

Ata o seu regreso a Bos Aires en 1925 (e aínda nos anos posteriores deica a chegada da Guerra Civil) a sinatura de Bernárdez fíxose habitual en xornais e revistas como La Zarpa, Vida Gallega, Céltiga, Ronsel, Marineda, Vida Céltiga, Alfar e, por suposto, Nós, o que dá boa idea da comuñón que o xunguiu ao ideario galeguista daquel tempo, contando como amigos algúns dos máis significados próceres das Irmandades da Fala e a Xeración Nós.

Francisco Luís BernárdezÉ máis, un dos seus primeiros textos publicados (se non o primeiro) foi, xustamente, o poema en galego “Morriña”, aparecido o 10 de maio de 1919 na revista viguesa Vida Gallega, cando o autor contaba só dezaoito anos. O verso, ben rosaliano todo el, é unha longa evocación patriótica e saudosa que transparenta o fondo sentimento de pertenza á Terra en metro octosilábico e estética bucólica.

No tempo desa adolescencia galega agromaron os que foron os seus primeiros libros de poesía: Orto (1922), Bazar (1922) e Kindergarten (1924), volumes ultraístas aos que seguiron cos anos un sennúmero de obras xa viradas cara ao clasicismo formal e transcendente que habita textos referenciais como El buque (1935), La ciudad sin Laura (1938), Poemas elementales (1942) ou Poemas de carne y hueso (1943), por citar só algunhas significadas mostras.

Como autor na nosa lingua ―amén de poemas en prensa aínda non compilados― non pode esquecerse a importancia do Discurso encol do idioma galego, publicado polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires en 1953, un texto que por si só debería asegurarlle a presenza en calquera historia ou manual literario o que, infelizmente, non ocorre porque somos o país que somos.

Encol do idioma galegoSe a todo o anterior sumamos os magníficos artigos que escribiu en castelán sobre os trobadores medievais, Rosalía, Castelao, Pimentel ou Cabanillas (tamén verbo do Camiño de Santiago, Portomarín ou os eidos matriciais de Dacón e outros) en libros como La copa de agua (1963) ou Mundo de las Españas (1967) ou escolmas como Florilegio del cancionero Vaticano (1952) entenderase a importancia que para as nosas letras ten Bernárdez, do que tamén existe obra galega espallada en La Zarpa, La Nación e mesmo versos nalgún libro colectivo, como a Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1958).

Grande amigo de Borges e cuñado de Cortázar, compañeiro de Bioy Casares e colega de Sábato, membro da Academia Arxentina de Letras e agregado cultural que foi do seu país en Madrid, Francisco Luis Bernárdez é tamén un nome a destacar na Galicia literaria de Pre e Posguerra, autor dunha valiosa produción que cómpre rescatar e editar por xunto para legárllela as novas xeracións e desoxidar informativamente as non tan novas. Velaí o reto.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-10-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá, Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.