Leiras Pulpeiro, sempre na memoria

actas leirasEscribo estas liñas en rematando o día do aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro, ao que onte honramos en Mondoñedo nunha xornada memorable con diversos actos que lembraron a súa figura e confirmaron, máis unha vez, a vixencia non só literaria, senón humana e cívica de quen foi republicano, federalista, laicista, filántropo e decido defensor da lingua nosa, das tradicións etnográficas propias, da idiosincrasia antropolóxica que máis xenuinamente nos caracteriza.

Pola mañá, ás 12:00h, o Salón Nobre do Concello de Mondoñedo acolleu a presentación dun volume colectivo de interese para o coñecemento e análise da obra do persoeiro: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século. O libro, que coordinaron Xe Freyre e Abel Vigo García e editou o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo coa supervisión de Xoán Ramiro Cuba, reúne unha parte substantiva das conferencias e relatorios do congreso leirasiano que, por mor do cumprimento do centenario do autor, tivo lugar en Mondoñedo nos primeiros de novembro de hai dous anos.

Así pois, neste volume poden lerse traballos de Xe Freyre, Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán, Isabel Morán, Camiño Noia, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Alicia Tella-Villamarín, Xosé Ramón Veiga e eu mesmo, textos e achegas que convidaron a coñecer no acto de presentación o propio Freyre, amais de Reimunde e Meilán, todos tres con alocucións complementarias, pois á acuidade na síntese de contidos do coordinador seguiu a reivindicación leirasiana do seu editor e aínda o discurso emotivo, vibrante e entregue de quen se criou na casa do poeta.

xeO acto, no que estaban presentes diversas autoridades (Antón Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo e mindoniense da antiga provincia ao ser de Celeiro de Mariñaos; Orlando González, rexedor da cidade de Mondoñedo e Xusto Fernández Haro, concelleiro de Cultura e tamén persoa moi implicada na recuperación leirasiana), contou tamén coa asistencia de moitos dos ensaístas do libro, bo número de representantes do pleno municipal e atento público da cidade e a contorna.

A xornada de tarde tamén foi pródiga en alegrías leirasianas, pois a Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte organizou unha xornada na Casa da Xuventude da cidade na que se desenvolveron dúas mesas redondas arredor da ‘Presentación oficial e análise do Roteiro Turístico-Literario Leiras Pulpeiro’.

Na primeira desta mesas-debate abordouse unha ‘Síntese da figura humana e literaria de Manuel Leiras Pulpeiro e dos elementos patrimoniais, paisaxísticos e etnográficos do Roteiro’, á que deu paso o introito musical de César Morán, quen para a ocasión interpretou diversos temas con letra do poeta de Cantares gallegos.

Aínda que estaba prevista a súa asistencia, non puideron achegarse ao evento nin Marina Mayoral nin Abel Vigo. Secasí, a narradora mindoniense non quixo que na cita non ficase patente o seu afecto pola causa leirasiana e cultural da vella cidade e enviou unha gravación que foi proxectada para a ocasión e da que puido gozar o público asistente.

leiras barbadoSi que estivo na mesa Xesús Chao Falcón, membro da directiva de Abrindo Camiño e colaborador do periódico Mondoñedo, quen nos ilustrou eruditamente sobre os pormenores da Fundación da Electricista Mindoniense, antiquísima fábrica de luz que foi das primeiras de Galicia e que remonta as súas orixes a 1893, sita nunha contorna de augas termais que o propio Leiras recomendaba medicamente polos seus valores terapéuticos. Uninme ao compañeiro de mesa baixo a moderación do organizador das xornadas, Luís Fernández Ansedes, e falei á concorrencia da vixencia e actualidade da figura leirasiana, recapitulando e dando conta de todo o que arredor del se leva escrito, musicado, filmado e divulgado nos últimos tempos.

Como grato interludio previo á seguinte das mesas-debate, foi proxectado o documental Polos camiños de Leiras, dirixido e realizado por Matías Nicieza, traballo fílmico de inestimable valor, por canto actualiza nun formato de gran difusión o legado do escritor, mesturando imaxes de lugares emblemáticos para el na súa cidade con poemas que lle musicaron César Morán e Rebeca Maseda ou lle leron diversos devotos leirasianos. De por parte, o documental amosa o aliciente de ter como narradora a Marina Mayoral, quen vai presentando localizacións e informacións esenciais para mellor comprender o universo do autor (pode verse este documental ao remate desta crónica).

Como remate da xornada a mesa ‘A posta en valor e a promoción do Roteiro Leiras Pulpeiro. A análise desde as institucións e os colectivos cidadáns’ reuniu a Valentín Insua Palacios, guía turístico da cidade; Miguel Pazos Otón, profesor da USC e director do Centro de Estudos Turísticos (CETUR); Xusto Fernández Haro, e mais Bernardo Penabade, profesor e director do Proxecto Neo, todos eles coordinados por Jordi Jordá i Casademont, director territorial da Cadena Ser en Galicia, quen, malia a súa procedencia catalá, presentou a xuntanza na lingua nosa, dando un exemplo admirable que moito presta salientar e agradecer.

mesa tardeTodos os participantes desta mesa abordaron, dende distintos ángulos, a necesidade da promoción turístico-literaria de Mondoñedo, eido no que o Roteiro Leiras Pulpeiro é sen dúbida un activo de importancia. Así, Insua Palacios detívose na conveniencia de potenciar o Centro de Interpretación da Alcántara para mellor visibilizar a riqueza da historia literaria do lugar e o seu pasado impresor, apuntando melloras posibles. Pola súa banda, Pazos Otón incidiu na posibilidade de transformar a localidade nunha cidade literaria que explote o atractivo do seu patrimonio arquitectónico, artístico e cultural en xeral, moi especialmente o que ten a ver cos escritores. Fernández Haro informou da sinaléptica do Roteiro Leiras que está a piques de se instalar e tamén doutros asuntos vencellados á optimización non só deste roteiro, senón de cuestións de promoción turística e cultural da cidade. Bernardo Penabade, nunha intervención moi acaída e de contaxiosa positividade, informou sobre o entusiasta balance que os centros de Ensino Medio participantes nos intercambios do Modelo Burela fan da visita que nos marcos dos mesmos realizan a Mondoñedo, insistindo en que este exemplo confirma ata que punto seguir traballando a prol do coñecemento cultural e literario da cidade entre os docentes e escolares do resto de Galicia supón non só enriquecer o presente, senón sementar futuro.

cesarLogo dun animado debate entre os membros da mesa e o público asistente (que se estendeu ata ben pasadas as dez e media da noite) puxo o peche unha nova actuación de César Morán, quen interpretou outros dous temas de Leiras Pulpeiro por el musicados, entre eles o célebre “Roseira de rosas roxas”, cancións que lograron arrincar sonoros aplausos dos concorrentes.

Non hai dúbida de que este 2014 que apunta xa á súa fin está sendo un ano de xusta reactualización da figura de Manuel Leiras Pulpeiro, pois á presentación do volume colectivo Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século e a celebración da xornada ‘Presentación oficial e análise do Roteiro Turístico-Literario Leiras Pulpeiro’ coordinada por Luís Fernández Ansedes, haberá que sumar o próximo sábado a entrega de galardóns do III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro convocado polo Concello de Mondoñedo, ocasión na que regresaremos á cidade para memorar outra volta o escritor e o seu exemplo na voz das novas xeracións de creadores.

a                 

 

 

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Leiras Pulpeiro, sempre na memoria

  1. ester di:

    NON SEI ESCRIBIR EN GALEGO PERO NA HONRA Á LEIRAS AÍ VAI. MEU PAI ENSINOUME A QUERER A LEIRAS E A CURROS ENRIQUEZ E A VERDADE QUE ME GUSTAN POR DERRIBA DE TODOS.

Os comentarios están pechados.