Intrigas compostelás

ChovidaAlfredo Conde é un cómpito frecuentador da escrita de intriga. Sempre houbo na súa prosa unha preferencia polo inexplicado, polo develamento de sucesos sorprendentes que deben traerse á luz para que irradien e dean sentido á realidade circundante. Textos como Sempre me matan (1995), O fácil que é matar (1997) ou Ósos de santo (2010) son exemplos significados da súa estimanza por este tipo de escrita.

A maior abondamento: coa última das obras citadas Conde iniciou unha serie protagonizada polo detective Andrés Salorio, que ten a cidade de Compostela como escenario. Pois ben, a recente Chovida do ceo é a segunda entrega desa serie e nela comparecen moitos dos trazos característicos da literatura do allaricense, como a natural capacidade para recrear atmosferas e lugares, o poder evocador da memoranza dos personaxes que fían sucesos mentalmente nun cadoiro interminable ou o xenuíno humor co que non poucos deles se conducen, todo unido a un visible oficio para a arquitecturización do relato que se agradece, pois con Conde un sempre sabe de onde vén e a onde vai, liberado de onanismos oníricos tan adoitos en certa prosa de moda.

Chovida do ceo narra a investigación que o inspector Salorio terá que realizar ata resolver o caso dunha moza que aparece misteriosamente morta na Quintana, ao que semella, caída dende as alturas do convento de San Paio de Antealtares. A partir dese instante vai despregarse toda unha procura na que irán xurdindo personaxes do policial, o político, o empresarial e o social da capital de Galicia, e cómpre dicir que moitos deles cun xogo de transunteado ben transparente, por veces mesmo con alusións inequívocas que engaden á novela unha lectura paralela para os bos entendedores.

A historia que Conde propón agrada pola atención á que obriga no descubrimento do caso, mais non quero deixar de subliñar o notable de certos excursos e relatos paralelos que serven para debuxar con firme pulso toda unha sociedade non pouco comenenciuda, hipócrita e orlada polas corruptelas, un fresco de individuos vividores, acomodaticios e traizoeiros que non respectan outra lei que a do proveito propio, sendo ben poucos os personaxes que se subtraen á ollada escéptica que sobre este retábulo deita o autor.

alfredo condeVernizada de sarcasmo e melancolía a partes iguais, Chovida do ceo posúe tamén a virtude de dispor como pano de fondo todo un decorado histórico que axuda a mellor entender o presente e non lle treme a man á hora de aplicar a lupa a grupos sociais abondo influentes como o da curia catedralicia, o escuro alto e medio empresariado ou a caste política municipal e non só, estamentos todos que non sempre saen ben parecidos na foto.

En Conde hai que estimar o traballado das finas descricións, que tanto inzan no relato gastronómico de detalle coma na erudita lección de extremos arquitectónicos ou históricos e que fan de Chovida do ceo unha novela que vai máis alá do puramente detectivesco, pois, como acontece noutros moi coñecidos autores do xénero (Henning Mankell ou Stieg Larsson, poño por caso), as investigacións de crimes e asasinatos teñen decote a virtude de facer aflorar todo o mundo que as rodea, a sociedade que alimenta esas disrupcións violentas e confirma o perigoso do fío de navalla polo que deslizamos todos e cada un de nós, sabéndoo ou sen sabelo.

Estimable lectura, entretida e non exenta de humor este Chovida do ceo de Alfredo Conde, un autor ao que lle gusta mudar de ponla e que nesta ocasión abeirou en sombra agradecida.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 2-11-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.