O mundo Mumin

Tove_Jansson_1956Sushi Books non deixa de darnos agradables sorpresas. A última é a incorporación ao seu catálogo das obras de Tove Jansson (Helnsiki, 1914-2001), a célebre escritora infantoxuvenil e pintora finlandesa de expresión sueca que creou os non menos famosos Mumin, seres imaxinarios que se popularizaron en toda Europa e dos que se teñen feito series, películas e numerosas adaptacións a diferentes formatos.

Moisés Barcia, responsable último do selo editorial, é quen nesta ocasión se encarga tamén da tradución de dous dos títulos referenciais da autora: A chegada do cometa e mais O sombreiro do mago, xustamente os volumes cos que en 1946 e 1948 gañou prestixio internacional a autora.

O máxico, emotivo e imaxinativo mundo dos Mumin é un universo consistente que serve como parábola marabillosa para ir deitando toda unha visión da nosa realidade. As aventuras que viven os habitantes de Val Mumin dentro e fóra da súa contorna, mesmo as trepidantes viaxes que levan a cabo, van defrontándoos cos obstáculos da existencia para facerlles ir aprendendo a superalos e medrar en sabedoría e bondade.

Estes seres, mestura de trolls nórdicos e de puerís hipopótamos, fanse querer e, a pouco que se lles conceda o favor dunhas páxinas de lectura, ben pronto un se verá mergullado o sombreiro do magonas angueiras de Mumintroll, Osmón e Sniff e outros personaxes a cal máis fantástico, que igual descobren sombreiros máxicos que defenden o seu territorio da ameaza dun cometa, o mesmo parolan coa formiga-león que pasean pola Illa dos hatifnatas, e todo acompañados do Rubí Rei, do palangre de Snork, maletas misteriosas e bailes inauditos.

As ilustracións destes libros, obra tamén da propia Jansson, son outro atractivo que engaiola. Presta recomendar libros así, felices volcáns de ilusión que enfeitizan e dan calor aos espíritos aterecidos.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Tradución e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.