Espellando versos

Espelho de mim mesmaCruz Martínez é unha batalladora dos versos, loita con eles ata arrincar faíscas que iluminen a noite das palabras. É, amais, escritora gregaria, que comparte a unción da verba con poetas cos que coincide en colectivos, recitais e xuntanzas varias, espazos propicios para a celebración comunal do lírico.

Dá agora o salto á edición individual con Espelho de mim mesma, editado por Circulo Edições con ilustracións de Luís Viñas e a propia poeta, un volume amplo de máis de cento e medio de páxinas no que se reúne unha extensa colectánea da escrita que foi dando a coñecer oral, videográfica e colectivamente en diversos momentos e soportes á que une creacións novas.

Dividido en cinco grandes bloques precedidos dun revelador limiar de Moncho Iglesias Míguez, Espelho de mim mesma é, tanto no temático coma no estilístico, un poemario plural, pois integra espazos do canto que responden a motivacións e estéticas ben diversas. Así, se no apartado “No olhar dum bufo verde” (nome do seu blog) predominan os versos contemplativos do cotián (as pombas urbanas, as pingas que deitan mananciais, as gaivotas que balizan a beiramar), na sección “A pedra e a lembrança” os textos vólvense máis intimistas e telúricos e incluso integran poemas homenaxe como os dedicados a Ramón Cabanillas ou Uxío Novoneyra. No terceiro dos apartados, “Roteiros dum corpo”, é a lírica do erótico a que invade a páxina, festival de fluídos, de peles acariñadas e xeografías lambidas. “Através dum espelho”, penúltima das seccións, dá rédea solta ao amatorio melancólico, ao recoñecemento dunha nostalxia coa que se convive. Por remate, “Crónica das paredes” esponxa na voz da denuncia, dende a crónica tristurenta dos desempregados ata os abusos e inxustizas mil que nos asedian.

cruzEspelho de mim mesma é un collage formal e temático, onde os poemas breves e enunciativos alternan coas prosas líricas e os textos base para videocreacións casan con modernas odas e nenias, un cardume de influencias e maxisterios precedentes aos que en non poucas ocasións se homenaxea e cita indirectamente.

Interesante esta estrea en volume de Cruz Martínez, quen nos dá a oportunidade con Espelho de mim mesma de descubrir a súa proposta autorial alén dos circuítos restritos dos grupos poéticos dos que ata agora participara, ingresando neste meirande Círculo Edições para que todos poidan saber do tremor da escrita que sacode a esta creadora de Armenteira que dende Vigo espella.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.