LIX migratoria

lix migratoriaMoito levan traballado nos últimos anos os membros da Red Temática de Investigación ‘Las literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIJMI) no estudo e difusión de todo aquilo que no eido do infantoxuvenil acontece na escrita do Aquén e Alén atlántico nas linguas peninsulares.

Para o caso galego, as iniciativas que dende o proxecto ‘Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil’ botou a andar o Centro Ramón Piñeiro, capitaneadas pola profesora Blanca Ana Roig Rechou deron como resultado celmosos froitos que viron luz en diferentes xornadas e congresos, tamén en volumes colectivos que publicou Edicións Xerais de Galicia. O último deles Inmigración/Emigración na LIX, extensa obra de case medio milleiro de páxinas na que se recollen amplas panorámicas e estudos sobre textos galegos, portugueses, casteláns, cataláns e vascos que teñen estas realidades como principal motivo.

Imposible citar todos os que contribuíron á aparición deste título, onde mesmo hai cabida para ensaios sobre LIX en lingua inglesa, mais cómpre subliñar que son moitas as estudosas e estudosos galegos e doutras latitudes que radiografan os imaxinarios, problemáticas e actitudes da escrita infantoxuvenil a propósito das experiencias e identidades que os fluxos migratorios revelan.

Roig RechouInmigración/Emigración na LIX, coordinado por Blanca Ana Roig Rechou, Isabel Soto e Marta Neira —a quen cómpre parabenizar polo seu esforzo, beizóns extensivas aos restantes participantes— é un perfecto exemplo da vitalidade e interese da escrita infantoxuvenil como espello do complexo mundo dos que migran, o que, nun mundo tan plural e multicultural, vale tanto como dicir dos que imos sendo, pois os tempos dos lentos desprazamentos xeracionais remataron e os nosos días reflicten unha mobilidade vertixinosa á que á literatura non podía permanecer allea, a LIX moito menos.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.