Os perigos da metamorfose

libros peligrososLer a Juan Tallón é como escorregar por un tobogán cego sabedor de que, ao final do final, agarda o abismo, a caída libre nun novo big bang que deixa baixo o padal o saibo inconfundible do inesperado.

Esa sensación de delicioso desacougo é a que me acompañou, páxina tras páxina, ao cruzar cos seus Libros peligrosos, volume publicado por Larousse que constitúe todo un acerto na aposta por parte de Jordi Induráin Pons, Carlos Dotres Pelaz e seu equipo.

Libros peligrosos é un vademécum literario, un mapamundi de lecturas e devocións que reúne cen títulos da literatura universal que, para Tallón, son altares nos que orar con fervor. Un cento de prosas (o teatro e a poesía aquí ficaron fóra) que son tamén unha biografía lectora dun dos nosos narradores máis ousados, unha das voces máis orixinais do momento que demostra neste novo libro por que a revista Jot Down, Buensalvaje, Luzes ou La lamentable o teñen como sinatura imprescindible, cal é a razón de que El Progreso o mime como columnista e que selos como Edhasa ou medios radiofónicos ben coñecidos insistan en non renunciar ao súa verbo sempre sorprendente.

Rulfo, Faulkner, Pizarnik, Cortázar, Aira, Fitzgerald, Dos Passos, Flaubert, Camus, Monzó, Vila-Matas, Hemingway, Borges, Dostoievski, Woolf, Lawrence, Sexton, Carver, Balzac, Pavese, Salinger, Vargas Llosa, Onetti, Kafka, Proust, Amis, Marsé, Monterroso, Vallejo, Valéry, Musil, Queneau, Cioran, Zweig, García Márquez, Auster, Coetzee son algúns dos escritores visitados por Tallón, quen escolle un dos seus títulos para profundar nos misterios da súa singularidade autorial ao tempo que trufa as súas semblanzas de anecdotario vario e reflexións sobre do divino e humano que fan destes textos oráculos da realidade.

Juan TallonO autor xoga ao caneo en curto e deixa que o seu fraseo serpee lixeiro, engastando os períodos con sentenzas lapidarias e aforismos deses que xustifican todo un libro. O que menos lle interesa é dar leccións literarias, o seu non son os manuais de análise literaria. Do que se trata é de transmitir o tremor, o abraio que un título suscitou e tentar pór en común como eses descubrimentos do animal lector o cambiaron como autor e como individuo. Son convites, farangullas que Tallón deixa para que, quen queira, siga o camiño, persiga o centro do seu propio labirinto e se reconcilie co Minotauro co que cangamos.

Non quero rematar estas liñas sen pór de relevo un feito que entendo transcendente: entre ese cento de voces coas que Tallón dialoga hai dúas galegas. É significativo. Seguramente se este libro o tivese escrito un foráneo nin Álvaro Cunqueiro nin Eduardo Blanco-Amor figurarían nel. Mesmo se fose outro de nós que o asinase tampouco serían eses (ou non serían os únicos) que salvase esta insólita arca de Noé literaria que é Libros peligrosos.

Non me doen prendas en recoñecelo: tras recrearme nestes máis de douscentos de páxinas, rebuscar no seu completo índice onomástico referencias e alusións, deleitarme co caderno de ilustracións que abisagra o seu centro, tamén eu fiquei renovado, un lector distinto, agradecido a quen me invitou a viaxar por mundos de ficción en prosa que descoñecía ou visitara con diferente ollada. Beizóns, Tallón, por tanta boa literatura. Que as lecturas non nos falten e sexamos quen de aprender a sucumbir aos perigos da metamorfose.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 14-12-2014]

Esta entrada foi publicada en Literatura en lingua castelá e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.