Libros que case ninguén le

livros que non le ninguemLivros que nom lê ninguém é o título da compilación ensaística do crítico e investigador Isaac Lourido que publica Através Editora. Un volume inzado de interesantes propostas para o debate, que pon por xunto moito material dado á luz polo autor en moi diversas publicacións e foros que agora pode lerse formando parte dun todo relacional.

Dous grandes bloques precedidos dun “Prefacio” xustificativo conforman este libro, que se explica nas súas liñas mestras dende o propio subtítulo: “Poesía, movimentos sociais e antagonismo político na Galiza”.

En efecto, se nun primeiro momento Lourido aposta por trazar os “Mapas teóricos” que sustentan a súa visión do fenómeno literario galego, na segunda das seccións tira partido dese mapa conceptual para aplicalo a “Processos, práticas, trajetórias” concretos que son do seu interese.

Partindo das teorías polisistémicas de Even Zohar e a escola de Tel Aviv, tamén das achegas do campo literario de Bordieu e mesmo de referencias de Chantal Mouffe e outros, Lourido tenta caracterizar a nosa escrita como unha realidade cultural que funciona como un sistema, como un campo coa súa institución, o seu repertorio, produtos, habitus e demais terminoloxía propia destes marcos teóricos. Do que se trata, pois, é de determinar cal é o papel que a poesía xoga (ou pode ou debe xogar) nese sistema de sistemas; máis aínda, entende Lourido que o sentido do poético non pode menos que vencellarse a dinámicas como a do antagonismo político e o os movementos sociais. Daquela, deféndese unha filoloxía política, de resistencia cultural e, polo mesmo, o valor subversivo da arte.

isaac louridoNa segunda das seccións do libro Lourido leva toda esa aparataxe teórica á disección hermenéutica de determinados autores ou grupos literarios que son do seu interese; poño por caso: Lois Pereiro, Séchu Sende, Manolo Pipas e, moi particularmente, varios dos integrantes das Redes Escarlatas, recuperando recensións que xa publicara a propósito de poemarios de Xosé Luís Méndez Ferrín, X. Antón L. Dobao, Darío Xohán Cabana, Oriana Méndez, Chus Pato ou Gonzalo Hermo.

No haber deste Livros que nom lê ninguém (rótulo que resulta un magnífico imán para calquera capa) figura a claridade expositiva, o suxestivo das propostas, o valioso da recolleita de materiais dispersos, a acuidade das ideas. No debe, para min, a insuficiente concreción na aplicación do modelo teórico ao eido poético galego, o parcial das escollas de autores e títulos para o chequeo da validación científica das hipóteses que fornece ese modelo, a consideración substantiva só da “poesía da açom política” en detrimento de calquera outra posición dos axentes do sistema.

Isaac Lourido afirma que “Livros que nom lê ninguém aspira a entrar também no debate sobre a posibilidade dumha investigaçom militante ou ativista, que supere os límites marcados polo campo e a instituiçom académicas e capaz de producir, de forma análoga aos processos e práticas que son analisados, algum tipo de efeito transformador no seu campo social”. Moito me agradaría que a aspiración se cumprise. Sería un indicador inequívoco de que algo no noso ichó literario se move, unha ardora abisal que, emerxendo dos profundos, pula por se facer ver.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.