1000 posts e novo cabezallo de Xosé Vizoso

Como cada ano dende que nacera en febreiro de 2011, Criticalia renova a súa faciana coa chegada do aninovo. Ás cubertas iniciais ideadas por Baldo Ramos sucedeunas o ano que acaba de rematar un deseño de Héitor Picallo. Neste 2015 é o artista mindoniense Xosé Vizoso quen creou un novo cropped exclusivo para o blog.

3No seu deseño é doado distinguir sinais ben característicos de seu: unha tipografía para o nome da bitácora abondo xenuína e que lembra outras da mellor ‘tradición Sargadelos’; os libros que poboan o día a día deste espazo dixital; o admirado Cunqueiro sedente, tal a estatua que Puchades lle fixo dende a que sinala o horizonte montesío das Terras de Miranda; o gaiteiro emblemático da paisanaxe de noso, que neste caso non é senón o das Curuxeiras da terra común do deseñador e de quen isto escribe; e, finalmente, un cavilador impenitente, letraferido e crítico no que ben me podo sentir representado.

Con este novo traxe para o Criticalia, chégase, amais, ao milleiro de posts publicados. Mil entradas nas que foi dándose conta de moita da realidade literaria galega deste último trienio a partir de recensións, crónicas, artigos, semblanzas, entrevistas, ránkings, radiocríticas, dedicatorias e outros textos.

1Esta dedicación continua tivo a súa recompensa no feedback co lectorado, pois os seareiros desta casa fixeron que o contador de visitas superase hai unhas horas as 200.000 visitas, o que da idea do interese que suscitan as nosas letras e a cultura que sosteñen.

Vaian, pois, as miñas máis expresivas beizóns a Xosé Vizoso polo galano da cabeceira que preside estas liñas, á que chegou logo de desbotar os bosquexos que ilustran este post número 1000. Tamén si, abofé, aos que día a día por aquí pasades e facedes que cobre sentido que neste 2015 que agora principia o responsable de Criticalia siga tendo ánimos para traballar máis e mellor.

2

Esta entrada foi publicada en Varia e etiquetada . Garda a ligazón permanente.