Paseriformes

A historia de Ícaro é a dunha feliz metamorfose: a dunha familia humana que devén paseriforme. O libro co que Federico Delicado gañou o VII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados convocado por Kalandraka non só é un meritorio traballo pictórico, senón unha tenra narración na que o amor e a liberdade traman todas e cada unha das fermosas secuencias destas páxinas.

Alén das sutís ilustracións do álbum —óleo, cera e carbonciño mesturados en distintas proporcións para crear planas de fermosa luz esvaída— hai en todo o relato un pouso de serenidade e asunción ilusionada do porvir que resulta balsámico, motivador.

Este canto á diversidade e o anticonvencionalismo que é Ícaro, coas reminiscencias do mito clásico e Kafka ao fondo, é un belo álbum traducido do castelán que convida a ver máis alá do aparente e a soñar, o que, nos días que corren, é a mellor das menciñas.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.