Os disfraces de Cunqueiro

Los disfraces de la melancolíaOs libros, como as persoas, avellentan asegún. Hainos que ao pouco de se publicar resultan insoportablemente caducos. Outros, pola contra, van gañando presenza cos anos, collen corpo de seu e, como as árbores máis rexas, ven como lles agroman ponlas na voz doutros que se fan eco da súa cerna.

Isto último é o que acontece coa monografía que hai agora exactamente un cuarto de século publicou o profesor Anxo Tarrío, Álvaro Cunqueiro ou os disfraces da melancolía, volume referencial nos estudos sobre a escrita do mindoniense que publicara entón Galaxia con excelente acollida por parte do público entendido.

Agora ben, que un traballo sexa substantivo e marque un fito nos estudos sobre unha materia non quere dicir que non sexa susceptible de revisarse e pórse ao día, de ampliarse puntualmente ou de balizarse con ulteriores investigacións e descubertas sobre o eido de análise. É o caso deste excelente ensaio, que, para fortuna dos que agradecen un guieiro para mellor entender ao xenio do Merlín e familia, ve agora luz nunha nova edición “revisada, ampliada e actualizada” traducida ao castelán: Álvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía.

A curiosidade editorial proporciónaa o lugar de edición, nada menos que Porto, lugar onde ten a súa sede Tropelias & Companhia, selo baixo o cal se publica esta monografía, que tamén contou co patrocinio da Universidade de Santiago.

Anxo TarríoÁlvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía, que inaugura a colección Caleidoscópio, ofrece como adral un capítulo introdutorio cunha síntese histórica da narrativa galega entre finais do XIX e primeira metade do XX. Tras esta, catorce breves entregas repasan toda a cosmovisión narrativa cunqueiriana, explicando en que consiste o “contar claro, seguido y ben” que propugnaba o autor, confirmando a súa “vocación idealista y estetizante” no ollar a Galicia, sen evasións, senón enfrontándose “simplemente, con los tristes, porque creo que la tristeza traiciona la condición humana”. Do mesmo xeito, sublíñase a consideración das xentes galegas que encerra a súa obra, realista, aínda que filtrada polo seu xenio deformante e adobiada de estratexias de persuasión para conseguir a conivencia e complicidade do lector. Insiste, así mesmo, na visión teatral da súa narrativa, en todo o repertorio quinésico, proxémico ou paralingüístico nela hai, no fascinio polas bolas de neve e outros xoguetes como obxectos-metáfora, na ensamblaxe dun espazo-tempo mítico-pragmático e mesmo en como as vestimentas dos personaxes responden a intencións programáticas e de deseño narrativo, pois todo conta neste fabuloso mundo cunqueiriano, mesmo as sensacións sinestésicas que disfracesnos procuran os sabores e olores, os exquisitos licores, as receitas exóticas, os perfumes delicados, contribuíndo uns e outros a caracterizar unha atmosfera inimitable onde o cendal do melancólico desborda a imaxinación.

Unha moi ampla bibliografía final (perfectamente escolleita e actualizada) dá cabo a este Álvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía, mapa imprescindible co que visitar a Selva de Esmelle, navegar os mares de Sinbad e ruar os recantos de Pontivy para atopar os feirantes outros, os menciñeiros que son escola, as xentes de aquí e de acolá.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 21-12-2014]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.