Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura galega e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.