Soños cumpridos

estacion vilafrancaCando vin as vías do tren vilafranquino cubertas de bouza encolléuseme o corazón. Foi hai algúns anos e recordei canto amaba aqueles vellos raís algún escritor daquela terra ao que eu lera sendo noviño con grande abraio.

Por iso, e porque teño especial debilidade polos libros que nacen da lealdade á memoria dos escritores amigos, escribo agora estas liñas. Lembrar a grandeza dos que se foron pero nos deixaron como compaña as mellores palabras é un acto de xenerosidade que traspasa o Tempo e fai grande a quen recorda e admirable ao recordado.

Así acontece con Viajes con Antonio Pereira, o pequeno volume preparado polo profesor da Universidade da Coruña Luciano Rodríguez, quen rende nel homenaxe á amizade que o uniu ao magnífico escritor leonés desaparecido vai para un lustro, un dos mellores relatistas en lingua castelá do pasado século, a quen debemos coleccións de historias memorables como, poño por caso, Cuentos para lectores cómplices (1989), Picassos en el desván (1990) ou Relatos de andar el mundo (1991), entre outros.

antonio pereiraRodríguez explica no brevísimo prólogo a este libro, “Envío a Antonio Pereira”, a nacenza da obra, xurdida con motivo da celebración o pasado 26 de marzo dunha xornada organizada pola Universidade de León arredor do escritor. O crítico galego achegou na súa intervención unha confesión: Pereira e mais el tiñan proxectado escribir un conto a catro mans do que só deixaron construídos os marcos; isto é, o comezo e o final, que serían, respectivamente: “Cuando vi las vías del tren villafranquino cubiertas de maleza se me encogió el corazón” e “Ahora ya sabemos que los sueños bien soñados se acaban convirtiendo en realidad”.

Velaí a matriz deste Viajes con Antonio Pereira: Rodríguez, como memoranza e homenaxe ao amigo ido, convidou sete autores a que escribisen un conto breve (dúas, tres páxinas) que comezase e rematase coas secuencias indicadas. O resultado é a compilación de minirrelatos que agora autoedita o profesor coruñés.

Clara Isabel Martínez Cantón é a autora do primeiro conto, “Ana desnuda”, unha moi suxestiva narración sobre a visión dun nu feminino e como esta marca a adolescencia e aínda a madurez do rapaz protagonista. Tras desta pode lerse “El Coche de Salvador”, unha recreación do lucense Xulio L. Valcárcel da vida da Vilafranca do Bierzo natal de Pereira décadas atrás, trama que protagoniza un taxista encargado de carrexar os pasaxeiros do tren ata a vila nun singular auto. Tamén comparece “El insomne” de Íñigo Bermejo, dicir onírico que obriga o personaxe central a regresar á Vilafranca que abandonou de noviño e reencontrarse co Pasado. Igualmente, a tan achegada ao responsable do volume Marta Rodríguez Pía, quen asina “¡Va por usted, don Jaime!”, historia de ferroviario entregue que moito lembra, para ben, algún memorable relato de Elena Poniatowska. E de amores, soños e Tempo que esvara fala tamén “Soñado no tren” de Xosé María Álvarez Cáccamo, a quen sucede José Enríquez Martínez e o seu “Un sueño recurrente”, esa ilusionada contemplación do pasar dos trens no desexo dun futuro que acaba pechando o círculo no pretérito. Por remate, “Una gruesa y gris tela de araña nos abriga”, prosa de amor que se envolve en teas de araña e olor a castañas e onde Diana Varela Puñal nos desafía a regresar ao lugar no que fomos felices.

viajes con antonio pereiraA foto de cuberta deste Viajes con Antonio Pereira amosa o actual estado da, en tempos, moi concorrida estación de Vilafranca do Bierzo, hoxe abandonada. A contracuberta ocúpaa outra instantánea dunha vella locomotora. Ambas imaxes son da autoría de Marta R. Pía e compleméntase coa que, precedendo o índice, amosa a vella estación cando aínda estaba en activo.

Viajes con Antonio Pereira é un fermoso libro. Éo porque abriga a Amizade e a Memoria, porque son amigos os que renden a homenaxe e porque o fan ofertando o máis valioso dos galanos: a palabra creadora a quen tanto creou, contos para a melancolía da ánima en recoñecemento a quen foi un mestre da exploración señardosa do ser. El confiaba na maxia das historias que transmitía, soñaba con que emocionarían por sempre aos que o lesen, aínda cando el non estivese entre nós. Entendeuno ben Luciano Rodríguez, tamén el un soñador. Ambos sabían, como sei eu agora e sabemos todos, que os soños ben soñados se acaban convertendo en realidade.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá, Narrativa galega e etiquetada , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.