Ars dedicandi: Uxío Novoneyra

a

ars_dedicandi_novoneyra

a

A alta Arte da palabra caligráfica ten un nome maior na nosa literatura: Uxío Novoneyra. O poeta que, de estar entre nós, hoxe faría oitenta e cinco anos, escribiu moitos dos seus versos imprimindo neles poderosos trazos que tiñan todo de fonda lírica e moito de pintura en grafemas.

Tanto amou Novoneyra o corazón que deitaba nas letras sinuosas e desmedidas do folio en branco que mesmo chegou a escribir un libro enteiro con tal feitío: Poemas caligráficos, unha regalía para os ollos e a intelixencia que os Brais Pinto tiraran en Madrid como número un dos que chamaron Cuadernos da Gadaña, cun limiar de Raimundo Patiño e un texto prefacial tomado dunha das “Figuracións” de Luís Seoane. Gardo —delicado pano na arca— un exemplar desta xoia de 1979 ao que volvo como se fose un orbitar de cometa admirativo.

Esa querenza polos versos caligrafados acompañou de sempre o autor, quen adoitaba agasallar os amigos con algún haiku que deseñaba, currenti calamo, nos máis diversos lugares e circunstancias. Hoxe recupérase aquí un deles co que obsequiou aos seus benqueridos Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, con quen os uniu unha longa e fraterna amizade, pois non en van foron os profesores lucenses os editores referenciais da súa obra e dous dos máis importantes estudosos da mesma.

O manuscrito dedicado é de 1980 e foi creado polo poeta nunha xuntanza en Compostela. O texto reproduce o terceiro verso do poema “Terras altas e solas” da sección “O couso da door” integrada nos Eidos (1955). Trátase en orixe, por tanto, dunha creación de 1953-1954 que na redacción primeira tiña esta forma estrófica: Terras outas e solas! / Serras longas e mouras! / Eu son esta coor de soidá…

Precisamente este último verso regalado a Rodríguez Fer e Blanco é o que serviu como título, moito tempo despois, para Esta coor de soidá…, a escolma poética que para Libros da Frouma prepararon Luís Alonso Girgado e Luís Cochón en febreiro do 2000.

Préstame recuperar hoxe nesta Ars dedicandi a poesía do grafo que Novoneyra señoreaba. Ningunha homenaxe mellor neste seu natalicio.

Esta entrada foi publicada en Ars dedicandi e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.