Parlamento das Letras: Ánxela Gracián

anxela_gracianÁnxela Gracián escribe para viaxar á raíz e regresar, espiral, ao universo mundo. Leva cosido nas illargas o Castroverde natal, a patria da avoa Anuncia e o avó Guillerme. Romance de pedra, historias de papel de estraza e miga de pan, lentor dos días húmidos.

Reparte o tempo entre o acaudalar a fervenza de palabras dunha a outra lingua como tradutora e a escrita infantoxuvenil. Nos intersticios, a vida mesma: viaxar e ler, os amigos e o lecer vagaroso das cousas de letras que prestan.

Vencedora de todos os anxos soturnos dos días de cinza, a imaxinación portentosa de Gracián soña con bolboretas douradas, peliqueiros de Laza, toupiñas cegaratas e pingas de choiva que dialogan en silencio. Cando non lle abondan esas caras presenzas, anosa ao Hadrián de Yourcenar, fainos percorrer a illa misteriosa de Verne, planta árbores con Giono, leva o correo dacabalo con Miguel Strogoff, sobrevive con Oliver Twist, aprende a vida co querido Corto Maltés e repénsaa con Sartre.

Pero sempre, sempre, é ela esa nena que escoita á mama grande os dicires do bandoleiro Diego Montes e aínda García e Galán, a mesma que adormece co petar do cicel de quen sabe de Don Merexildo, O Pincha Lobos, da Tía Ambrosia, O Meda Marela, O Guincho e a Tía Lucinda, a rapaza de guechos escuros que cruza San Paio de Arcos para andar ata Compostela por terras liberadas.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

cos petos cheos de cinzaPubliquei os primeiros textos con doce ou trece anos na revista do Colexio de Castroverde, onde estudei a EXB, redaccións sobre aqueles tópicos demoledores, xa sabes, “O outono”, “A primavera”, “A miña familia…”, “Que quero ser de grande”… Se lle gustaban a aquelas profesoras cheas de boas intencións, mandábannolas reescribir con letra caligráfica e editábanse na revista escolar. Na casa líanas en voz alta con orgullo. Débolle moito á miña avoa e tentei axustar as contas con ela no meu último libro, o poemario Paisaxes de pan, impecablemente editado por Bourel. Estou certa de que ela, de non ter sido case analfabeta, sería unha grande escritora. Tiña imaxinación, memoria e ganas de contar, tres ferramentas imprescindibles para a arte da escritura. No instituto tamén se editaban textos meus pero o primeiro relato, xa escrito con plena consciencia de tal, viu a luz na revista de Filoloxía Ólisbos. Deste conto lémbrase mellor ca min o meu querido exprofesor Alonso Montero que, sempre que me ve, me di: “—Vostede escribiu “A muller do clarinete”, ao que decote respondo: “—Pois si. Hai tanto tempo diso. Como pode acordarse?”.

El encolle os ombros e sorrí con tenrura. Que home tan prodixioso! Que memoria tan lúcida e inacabable. Logo non escribín nada; nunca pensei que tiña talento para facelo. Escribía, iso si, cartas longuísimas ou fragmentos de algo que nunca chegarían a ser máis que iso… Reflexións, notas, frases escritas por outros que eu copiaba porque daban sentido a vivencias miñas ou porque contiñan verdades universais. Con vinte e sete anos comecei a traballar como tradutora na Xunta de Galicia, e tamén como tradutora literaria, unha paixón para min. A tradución de Memorias de Hadrián de Marguerite Yourcenar foi unha maxistral lección de literatura, que turraba de min para a escrita… pero eu sempre apagaba esa voz. Un día unha amiga miña que sabía que eu lle contaba contos á miña sobriña, que por aquel entón tiña oito anos, púxome en contacto con Irene Penas, a responsable editorial de Everest Galicia. Presenteille unha fábula de animais que falaban dun tal “Perico picapiñeiro” que era un paxaro proletario que andaba procurando un lugar digno onde vivir. Daquela eu dáballe voltas á idea de mercar un apartamento para non ter que sufrir máis mudanzas, de libros sobre todo, —como pesan, mimá—, así que puxen en boca do pobre paxaro as miñas reflexións sobre a incomodidade dos dúplex, o enorme custo dos áticos e a dificultade de atopar un lugar sinxelo, ben situado e con moita luz. A Irene Penas gustoulle aquela historia, “escrita nun galego dos que xa non se escoitan”, e animoume a seguir. Así naceu Cos petos cheos de cinza, o meu primeiro libro para nenos.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

as bolboretas douradasEu teño pouca obra escrita, talvez teño máis traducida. Penso que son mellor tradutora que escritora, ou polo menos, sinto que camiño polas palabras escritas por outros con máis seguranza que polas miñas propias. Ademais, agradezo inmensamente esa lección maxistral de literatura que é a tradución. Di Javier Marías que quen queira ser bo escritor, debe traducir boa literatura. A crítica a min tratoume moi ben. Da novela As memorias de Hadrián de Marguerite Yourcenar dixéronse eloxios marabillosos sobre o léxico, a sensibilidade e a poesía que zumegaban algunhas das súas páxinas en galego e de A illa misteriosa de Xulio Verne tamén. A tradución que fixen sobre Il desiderio de essere inutile, escrito por Dominique Petitfaux e Hugo Pratt, vendeuse moi ben e é un libro precioso. A balada do mar salgado e Patio agochado chamado Arcano, dúas das varias e ben descoñecidas novelas de Hugo Pratt, gustaron e para min foi moi desafiante poñer a Rasputín de seareiro de barrio e a Corto de tenro, reflexivo e apaixonado poeta galego. Tamén foi un reto, memorialístico incluso —o meu avó materno marchou a Cuba con 18 anos—, poñerse na pel dun emigrante saudoso e dar voz en galego a Stefano, da profunda María Teresa Andruetto. En breve vou publicar en Trifolium Contiños de rapaces negros para os rapaces dos brancos do meu admirado Blaise Cendrars, viaxeiro en África, que é un libro ben politicamente incorrecto por esa reivindicación explícita da negritude e porque un espera un conto organizado, comprensible por unha mente infantil, e atopa o dioivo de palabras que é a oralidade en África, con ese gusto por contar… Un libro do que non se falou moito foi A toupiña cegarata, libro que eu quero moito porque é moi persoal, un libro triste, que parece querer dicir que non hai lugar para os inxenuos. De todos xeitos, coido que o trato desigual da obra dos escritores ten que ver sempre co gusto. Cada lector, mediador, editor, crítico etc. ten un itinerario lector moi definido. Se hai conexións falarán ben; se non entende o que intentaches facer ou simplemente non o lograches adecuadamente falarán con reticencias. As críticas deben ser para o escritor búsolas que lle axudan a atopar o horizonte cara a onde camiñar.

¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

eu tamén fun peliqueiro de lazaHábitos, manías? Téñoas todas cantas haxa e máis aínda. Son persoa de hábitos que cambio cando me peta. Kafka non podía escribir sen os seus Odradrek. O meu Odradrek é Argos, un de silveira e sen pedigree que rescatei da canceira; inspírame velo no estudo deitado sobre a alfombra. Nada máis acender o ordenador vouno buscar á cociña e dígolle: “—Vente que vou escribir!”.

O pobre vén tras de min coas orellas gachas e dándolle ao rabo! É máxico! Máis teimas? Como mazás ás moreas cando escribo e tomo moito café.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Iso deixaríao ao criterio do antologador, que é quen debe establecer nexos comúns por idade, temática, xénero, estilo e gusto persoal. Gústanme as antoloxías, aínda que moitas veces deixan fóra autores e autoras tan interesantes coma os antologados. Cando viaxo a un país estranxeiro merco moitas antoloxías. Sería unha honra para min figurar ao pé de calquera autor ou autora galega. Son boa coñecedora do que se publica de literatura galega e teño un alto concepto do que andamos a facer neste país, sobre todo porque os ingresos cativos non permiten a profesionalización e, no entanto, continuamos traballando.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

cegarataOralidade, vangardismo, metaliteratura, fantasía, ecoloxía… En fin, xa sabes que se aos escritores nos deixan falar de nós daquela non calamos nunca. Hai un fito na miña biografía que me marcou. Foi o contacto cos ecoloxistas lugueses de mediados dos 80. A creación do Colectivo Ecoloxista Radical en Lugo no ano 85, con Xabier Pumariño, Xoán Carlos Laxe, Matías Rodríguez, Xurxo de Viveiro, Francisco Sánchez. A partir de aí comezou a interesarme cientificamente o mundo da natureza, a ornitoloxía, a botánica, os comportamentos animais, moi presente nas miñas obras, cunha mirada ecolóxica, creo, sobre todo en Cos petos cheos de cinza. Supoño que o feito de estudar Filoloxía Galega tamén foi decisivo porque me deu a oportunidade de fixar e valorar a lingua que aprendera dos meus, ese galego con celme lugués. O demais está por vir. Acabo de rematar o Máster en Literatura Infantil e Xuvenil que organiza a Universidade Autónoma de Barcelona. Foi un ano de lecturas intenso e iluminador, que espero que se reflicta na miña obra futura.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Cando era adolescente ía buscar os libros cos que entreter os veráns longos da adolescencia á biblioteca de Lugo e a aquela muller tan humilde, discreta e culta que era a directora da biblioteca de Lugo (fin dos 80, comezos dos 90) poñía nas miñas mans os clásicos. Volvería a aquel tempo e a aquela biblioteca austera e silenciosa, ás lecturas de entón, Cervantes, Quevedo, Clarín, Stendhal, Flaubert, Homero, Leopardi, Hölderlin, Delibes, Cunqueiro, Blanco-Amor… Os clásicos de entón tiraron por min para os clásicos máis recentes, Italo Calvino, Marguerite Yourcenar, Clarice Linspector, Saint-Exupèry, Jean Gionno. En Irlanda escoitei falar a John Banville, un escritor tristemente ben descoñecido e que paga moito a pena, é a miña última paixón lectora! En fin, son tantos!

as palabras do silencio¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Eu non lle quitaría nada. Sumar e non restar, sempre en positivo. Fáltanlle apoios serios á hora de crear lectores en galego, algo externo á propia literatura pero consubstancial para a súa consolidación.

Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Ui! faría coma o meu admirado Hugo Pratt que, cando lle diagnosticaron un cancro de estómago e poucos meses de vida, colleu o lapis e sentou por fin. Imaxínate, el, que fora un verdadeiro cu de mal asento, que desesperaba os seus editores porque era un mitómano impenitente que marchaba porque, de súpeto, sentía a chamada de sobrevoar a tumba do tusitala Stevenson en Samoa ou dos escenarios de Jack London en Alaska e o traballo postergábase. Pero cando soubo que o tempo se esgotaba sentou… Eu tentaría rematar  todas as historias que teño comezadas, amén de escribir un libro memorialístico titulado Tras das pegadas de Corto Maltés no que poñería palabras a fotos e recordos dalgunhas viaxes que fixen.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Da creación, fantástico, pero a crise estanos matando.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Paisaxes de panHai quen sostén que a entrevista é un xénero literario, así que quero agradecerche que me deses a oportunidade de asumir o peculiar protocolo que supón usar a convención do diálogo para configurar con el un pequeno arquivo de referencias e viaxes á memoria e á literatura. Richard Kipling cabreábase cando lle preguntaban sobre algo persoal. Para min, en cambio, é un pracer lembrar como foron sucedendo as cousas. Ao poñerlles palabras, sinto que é coma se todo encaixase.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Parlamento das Letras e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Parlamento das Letras: Ánxela Gracián

  1. Manuel Quintáns Suárez di:

    Ola, Armando e Ánxela:
    Lin con moito gusto esta entrevista. Marabillosa introdución! Cando se decidirá o Armando á lanzarse á creación literaria? Sempre me estimularon aquelas palabras do mestre de Trasalba: “Nós temos que escribir de todo, porque non hai nada feito e alguén ten que poñer a andar este carro.” Hoxe o problema é outro, pero igual de urxente: Non se pode continuar deixando pasar en silencio a tantos que teñen tanto que dicir e, sobre todo, que saben dicilo tan ben.
    Teño que confesar que a entrevista me achegou, moito máis aínda do que xa estaba, a esta admirada amiga. Sabía dalgunhas das súas inquedanzas literarias, pero menos doutras. Foi un verdadeiro pracer este encontro co seu mundo.
    Parabéns para ámbolos dous e abrazos.
    Manolo Quintáns

Os comentarios están pechados.