A ars amandi de Alfredo Conde

ColeccionANCase medio século tardou o escritor allaricense Alfredo Conde en publicar un novo poemario. Non o fixera dende que aparecera, no xa arredado 1968, Mencer de lúas, o seu primeiro libro de versos, tamén a súa estrea como autor, pois o escritor foi, antes nada e dende os comezos, un poeta que logo tivo fortuna como narrador. Neste sentido, títulos como Breixo (1981), Memoria de Noa (1982), Romasanta (2004) e, sobre todo, Xa vai o griffon no vento (1984) son sobradamente coñecidos na súa andaina como prosista, na que non faltan tampouco páxinas sobre as que paira unha liricidade contida que nos lembra que ten quen as escribe unha ánima poética xenuína.

Publícase agora ColecciónAN. 69 poemas de amor, volume co que se inicia a serie Clea da editorial Trifolium da Coruña. Un libro que nace dunha feliz e singular circunstancia: o autor quixo agasallar a súa compañeira Ánxela logo de superar recentemente unha longa e delicada hospitalización e, así, escribiu un feixe de composicións para cumprimentala, unha por ano deica dar coa cifra da súa idade.

ColecciónAn (co An final do comezo do nome da amada) é un poemario amoroso, mais tamén nel o paisaxístico e o existencial teñen forte presenza. O amor como paixón pola vida, tamén como relato dos afectos á compañeira. A paisaxe como lírica estacional e dos ciclos naturais, con predominio do autumnal e o floral, que proporcionan á obra un verniz de serena melancolía moi acusado. E, finalmente, a paso do Tempo como terceiro esteo, recreando unha poética da madureza, do reconto vital e da memoranza.

Alfredo Conde por Ramón VaamondeNo estético, o Conde poeta revélase un clásico e mesmo un neorromántico. O primeiro confírmano as citas ao Ars amandi ou ás Xeórxicas, por exemplo. O segundo transparenta na moita aparataxe romántica que cruza o libro: as “bolboretas de luz”, os “peixes de prata”, o “vento de seda”, o “bosque cheo de merlos”, o “rumor de caracola” e así.

ColecciónAN está cheo de interrogacións retóricas (ubi sunt incluídos), de xogos antitéticos e vagos acentos rítmicos, pero, sobre todo, desprega unha intensa simboloxía onde as aves remiten á liberdade, os ventos ao pasar do Tempo, o solpor e a noite ao mundo dos límites e o mar ás landas da eternidade e a transcendencia.

Moita literatura hai agochada nestes versos de Conde, de Cunqueiro a Bécquer pasando por Neruda, Kafka ou Montaigne. Escrita celmosa, calma e evocadora que nos achega unha outra faceta do autor que cómpre (re)descubrir.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 18-1-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.