Casas literarias: Manuel Antonio

Manuel Antonio (II)

a

A Rúa de Abaixo, en Rianxo, non é unha vía calquera, é un continente literario rodeado de océanos de xenialidade por todas partes. Unha das illas que habitan ese Paradiso das Letras é a casa natal do inmenso poeta Manuel Antonio.

Felizmente convertida hoxe en casa-museo, adornada con diversas placas conmemorativas, a vivenda na que veu ao mundo o 12 de xullo de 1900 o autor de Foulas é un inmoble de tres andares que aínda conserva mobiliario do tempo do poeta e outros obxectos persoais e documentos que se expoñen aos visitantes xunto a diverso material fotográfico.

placa manuel antonioNeste lar paterno morou Manuel Antonio con seu pai Ramón Pérez e súa nai Purificación Sánchez Vázquez ata que tivo dous anos, momento no que marchou vivir a Padrón con seus avós maternos Gregorio Sánchez Triñanes, boirés, e María Vázquez Seco, escapando do posible contaxio de tuberculose que padecía seu pai, quen faleceu dous anos máis tarde. Mal sabía daquela o poeta que o mesmo mal faría presa nel e o levaría de nós con apenas vinte e nove anos.

En Padrón viviu de primeiras con súa avoa materna e logo cun seu tío crego, José Sánchez Vázquez, sochantre na igrexa de Iria Flavia, pero aos trece aniños trasladouse a Santiago para ingresar no Instituto Xeral e Técnico, indo vivir ao número 5 da célebre rúa da Troia, emblema da estudantina inmortalizado por A. Pérez Lugín.

Os períodos vacacionais pasounos na casa da Rúa de Abaixo ata que rematou en 1920 os estudos de Bacharelato, como tamén foi este —xunto coa casa materna en Asados— o seu lugar nos descansos que lle deixaban os tres cursos que realizou na Escola Oficial de Naútica de Vigo.

casa m antonioLogo viñeron as longas travesías que, dende 1926, fixo primeiro no costeiro Constantino Candeira para conseguir o título de piloto da Mariña Mercante e despois no pailebote holandés Gelria e aínda no pesqueiro Arosa.

Por volta de 1929 o poeta sentiuse fisicamente moi demediado por mor dunha grave tuberculose pulmonar e regresou á Asados, parroquia na que súa nai exercía como mestra. Alí foi onde se produciu o seu pasamento, tal día coma hoxe hai oitenta e cinco anos.

Mais se Padrón, Iria Flavia, Santiago, Vigo e Asados foron importantes na vida de Manuel Antonio, a casa da Rúa de Abaixo foi a mandorla da que dimanou toda a maxia da súa escrita e Rianxo a vila na que departiu intensamente con Rafael Dieste, con seu curmán Roxelio, tamén cos Insua, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, parentes do seu benemérito veciño, e outros como Laureano Lorenzo, os irmáns Carou, Sixto Aguirre…

Daquela Rianxo deixou escritas o Poeta do Mar melancolías que ben está sexan recordadas hoxe aquí en homenaxe, no sinalado día do seu cabodano:

placa manuel antonio (II)Rianxo segue disputándo-lle a Roma o nome de cidade Eterna. Sempre igoal: sempre igoal a sí mesmo. As mesmas cantatas pol-as noites (o voso esquinal). As trompadas de sempre, antre dous borrachos de sempre, n-o serán d’os domingos. As eternas bandadas de defraudados que volven. As miserias, as pequeneirías de sempre. E as xigantescas postas de sol tras d’o Barbanza (non todo ha de ser pequeno). A min da-me pena cada casa nova que se fai en Rianxo. Eu quixera que todos lle tuvesen o respeto que eu lle teño. Non son capaces de enxergar ese desexo que él ten de seguir sendo sempre coma sempre, sin novedade. Si eu tivera moitos cartos había de mercar a Rianxo pra mete-lo debaixo d’un inmenso fanal e deixal-o así.

Esta entrada foi publicada en Casas literarias e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.