Toda a terra é Galleira

MenéndezDiáspora, galeguidade, crónica. Estas tres realidades, eixo identitario trino, deveñen singulares na persoa de Luís Menéndez, lúcido fillo da Ourensanía e activísimo xornalista a quen debemos memorables programas televisivos e volumes de valía sobre a presenza e herdo dos galegos viaxeiros polo orbe.

Mercé a este destacado membro da International Federation of Journalists descubrimos o orgullo de ser Galegos no Mundo na nosa televisión pública, un espello documental que alimentou unha outra vida de papel en Toda a terra é dos homes. Galegos no Mundo (1993), título aparecido en Galaxia co que Menéndez iniciaba a xeira de crónicas viaxeiras que logo continuou en Vida e viaxes na galeguidade (1997).

Pois ben, esa ánima vagabunda e curiosa que define o autor é a que o empurrou non hai tanto a filmar para a TVG a triloxía documental Terras de Merlín, Terras do Leste e Terras de Acolá, traballos que están na base do novo libro do escritor, Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI, que ve a luz en Alvarellos Editora precedido dun evocador prólogo do tamén xornalista e célebre ficcionador Manuel Rivas.

Galleira Passport é todo el un crisol multicultural dende a primeira ata a derradeira páxina. Defíneo e dálle unidade a ollada do seu narrador e tamén a procura da pegada da galeguidade nos máis diversos espazos e latitudes. Agora ben, do resto, nada máis hibridado, poliédrico e vizosamente dispar que as visións de territorios e xentes que na obra converxen.

galleira passportCertamente, hai unha afirmación da patria Galleira (o nome que en barallete se lle dá a Galicia), mais tamén un recoñecemento do noso ser en tránsito constante (esa vivencia do passport que vai connosco amarrado aos dentes, pois somos pobo, por forza, emigrante). O resultado é un tríade de periplos, a cal máis interesante, por lugares e países nos que os do Finis Terrae fixeron lama e son hoxe veciñanza recoñecible.

“Travesías lusas”, “Travesías celtas” e “Travesías orientais” son os tres grandes bloques nos que se reparte a trintena de crónicas de autor nas que Menéndez vai deitando consideracións sobre as súas viaxes a estas terras ao tempo que reflexiona sobre a súa cultura, historia, tradicións ou vida social en relación connosco e non só.

Mozambique, Guiné-Bissau, São Tomé e Príncipe, Angola, Timor-Leste, Brasil, Cabo Verde e Portugal son os espazos da lusofonía percorridos por Menéndez, bo coñecedor da lingua de Camões, quen transparenta nestas planas a íntima conexión que a cosmovisión lingüística favorece con tales territorios, mais tamén os contrastes que, respecto do noso pasado e presente, ofrecen culturas tan diversas dos cinco continentes.

De igual modo, o vencello coas landas do Norte espella nas “Travesías célticas”, onde as vellas nacións irmandadas ven descritos algúns dos seus riscos definitorios na común orixe: as lendas córnicas, as músicas escocesas, os versos de Yeats, as fins do mundo irlandesas e as celebracións patricias, os teimudos galeses, os cruceiros entre brétemas bretoas ou as particulares vivencias manesas.

presentación menéndezMenos sabidos entre nós son os camiños da Historia e dos pobos que se recollen nas “Travesías orientais”. Grazas ás incursións exploradoras de Menéndez e ao fino relato destas serannos, a partir de agora, un tanto máis familiares as xeiras do San Xoán en Estonia, as andanzas do demo por Lituania, a xemelga Galicja da toponimia polaca, os días checos, o gran Danubio en Eslovaquia, o selo mediterráneo de Malta, os sollíos alpinos de Eslovenia, o exotismo maxiar, ou a encrucillada de culturas chipriota.

Quen lea Galleira Passport descubrirá con agrado como por veces a partir dun feito ou detalle nimio pode construírse un gran relato e por que coñecer os outros é, en tantas ocasións, o mellor xeito de se coñecer un mesmo. Amais, o código QR que incorpora na contracuberta o libro e que facilita o visionado dos documentais da TVG que foron o xermolo destas historias así como as numerosas instantáneas que acompañan a obra son tamén engados certos para se facer con este título, editado con oficio por Alvarellos Editora, quen gañou para o seu selo un volume de valor do xenuíno e moi viaxado Luís Menéndez.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 8-2-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.