Casas literarias: Xosé María Díaz Castro

casa dc

a

A casa de Arriba, no Vilariño dos Cregos dos Vilares de Parga, hoxe concello de Guitiriz, non é un lar calquera. Alí naceu o 19 de febreiro de 1914 un neno nimbado polas musas: Xosé María Díaz Castro.

A vivenda na que veu ao mundo ás oito da mañá daquel día de hai cento un anos é unha das tres casas fortes que existiron no lugar do Vilariño, un espazo cativo en extensión, pero grande en significación, pois houbo tempos nos que chegaron a haber ata nove cregos emparentados naquel tríade de casas. Dous deles fundaron en 1792 unha capela no propio Vilariño á que, sendo rapaz, o pequeno Xosé María acudiu para axudar nos oficios como acólito.

Na casa do Vilariño estudou o poeta as primeiras letras, pois cando aínda non había escola na parroquia foi a súa vivenda a que fixo os oficios de tal.

Sempre foi o Vilariño o epicentro vivencial de Díaz Castro. Aínda que estivese en Mondoñedo estudando, en Vilagarcía dando clases ou en Madrid traballando como tradutor a súa mente e o seu corazón volveron decote a aquela casa, centro gravitacional da súa poesía toda, pois a paisaxe que rodea o lar natal é tamén a que orla os seus Nimbos.

VilariñoA vivenda hoxe garda unha placa, que se colocou lustros atrás, onde se lembra que foi alí, xustamente, onde veu a luz o poeta. Mais actualmente corre risco de non se asegurar a súa conservación, pois ao non estar habitada tende á deterioración e cómpre sumar forzas entre herdeiros e administracións para evitar o natural declive.

A casa de Arriba é, amais, un espazo que xerou por súa vez novas creacións e aínda o pasado ano Xosé Antonio Cascudo fixo dela a protagonista da curtametraxe Alfa e Omega, inspirada no poema homónimo de Díaz Castro.

No Vilariño hai unha casa. No Vilariño son as raíces do leite e centeo e soño e lus de aurora que xermolaron no poeta. No Vilariño escintila un universo que abala un paso adiante e outro atrás. Convén non esquecelo, procede non desleixalo.

 

Esta entrada foi publicada en Casas literarias e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Casas literarias: Xosé María Díaz Castro

  1. Grazas Armando por lembrarnos a figura literaria do poeta da Escola do Seminario de Mondoñedo, Xosé María Díaz Castro, e mostrarnos as súas orixes e así poñer en valor o noso patrimonio cultural.

Os comentarios están pechados.