A vida múltiple de Sebastian Nell

máscaras-rotas“Señorita Graham, xa é noite pecha, a xornada maratoniana rematou. Xa non quedan fíos polos que tirar. Desenguedellou por completo o nobelo. Está desfeito. Fun todo o sincero que quixen, conteille o que puiden”.

Quen así se expresa é o protagonista de Máscaras rotas para Sebastian Nell, un célebre actor da escena teatral británica que, nos seus últimos días de vida, concede unha longa entrevista á xornalista Rebecca Graham (xefa de cultura do The Guardian) na que decide relatarlle todo o seu pasado antes de que o fantasma do alzhéimer o borre para sempre.

A entrevista ten lugar na primavera do 2000, pero Sebastian Nell acaba morrendo catro días despois dos atentados do metro de Londres en xullo do 2005. Apenas un ano máis tarde, a White Howl Press publica a biografía conversacional póstuma entrambos, a mesma que, traducida, le o lector galego, co que o círculo ficcional literario acaba por pecharse.

No entremedio, catrocentas páxinas de demorada interview que, lonxe de facerse de difícil dixestión, resultan do máis estimulante, pois Alberto Ramos, o autor de tal artefacto literario, coñece ben, como periodista que tamén el é, cales son as armas do oficio e onde reside o misterio da intriga sostida.

A vida de Nell ábrenos unha tripla perspectiva de lectura que se corresponde cos distintos planos que na narración se entrecruzan: dunha parte, son a testemuña dun periplo vital que leva o personaxe dende a tenra infancia aprendendo o oficio de reloxeiro ata chegar a ser un sir das táboas dos máis importantes escenarios. Nacido en Londres en 1932, vive de neno a Segunda Guerra Mundial e as súas funestas consecuencias, entre elas o ingreso de seu irmán nun orfanato. Con 24 anos ingresa en Cambridge e traba amizade con outros destacados actores, como Derek Jacobi (o seu antagonista vital, verdadeira besta negra co que chega a se obsesionar, ata o punto de que moitas das decisións da súa existencia as toma en función de prexudicalo), Ian McKellen ou Trevor Nunn. Debuta o 23 de abril de 1957 formando parte do elenco universitario que interpretou A tempestade de Shakespeare. A partir dese momento, o seu camiño é o do éxito e a gloria, na National Theatre Company, na BBC e, xaora, en Hollywood. E tamén o do trato con Peter O’Toole, Laurence Olivier e tantos outros aos que non ten reparos en crucificar, pois a envexa competitiva de Nell alcanza dimensións patolóxicas.

alberto ramosA carón desta descrición do vieiro propio e da historia actoral británica do último século vai tamén a caracterización sociohistórica do tempo que lle tocou vivir, que Nell sublima dende o seu tacherismo convicto, facendo unha lectura tan nesgada coma suxestiva de toda unha época.

Por último, o intenso desencontro que o vencella coa entrevistadora, Rebecca Graham, serve tamén para darnos a coñecer a quen dá réplica, en feminino, ao personaxe central, revelándonos ancos máis persoais que axudan a mellor explicar o mundo da escena e, sobre todo, do xornalismo inglés e de todo lugar, co que iso supón para a perspectivización e visibilización dos feitos sociais das esferas nas que ambos se desenvolven.

Agrada en Ramos a habelencia para trufar gran cantidade de información contextual do xeito máis natural posible, conseguindo que o relato esponxe en derivacións sociais dende as vivencias individuais e logrando que o diálogo se volva áxil, lostregueante e poliédrico entre dous caracteres para os que a esgrima verbal non ten segredos, pois eles saben ver, transparentemente, tras das Máscaras rotas para Sebastian Nell.

[Faro de Vigo, ‘Faro da Cultura’, 12-2-2015]

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.