Robert Pinsky en clave galega

Robert Pinsky retratado por Eric AntoniouTalvez non cumpra para moitos explicar quen é Robert Pinsky. Saberán disimular os moi postos esta ousadía miña de recordar aquí apenas dúas pinceladas de quen é, probablemente, o poeta máis popular dos Estados Unidos, pero a experiencia aconséllame non dar por suposto nada.

Nado en Long Branch, New Jersey, en 1940, Pinsky é autor dunha vintena de poemarios entre os que se contan varios títulos referenciais da escrita do xigante americano das últimas décadas e non poucas (auto)escolmas. Obras súas como History of My Heart (1984), The Want Bone (1990) ou Gulf Music (2007) son miliarios literarios que os fieis da grande poesía non deberían deixar sen ler, pois neles foi tomando corpo unha das poéticas máis orixinais e intensas da época.

Os galegos estamos de sorte, pois mañá mesmo Pinsky estará no Centro Ágora da Coruña ofrecendo os seus versos a quen queira oír a súa harmonía. Escoitar o autor de ensaios indispensables como The Situation of Poetry: Contemporary Poetry and its Traditions (1976), Poetry and the World (1998) ou The Sounds of Poetry (1998) é tamén darse o luxo de oír ao único poeta na Historia que foi elixido por tres veces consecutivas Poeta Laureado ou Poeta Nacional dos Estados Unidos (1997-2000) e, polo mesmo, consultor de Poesía da Biblioteca do Congreso.

Podería estenderme noutras consideracións sobre o seu admirable labor como tradutor (verteu, en verso rimado, o Inferno de Dante en 1995, polo que obtivo o Los Angeles Times Book Award), profesor da Boston University ou dinamizador cultural (aí o está o pulo que imprimiu ao The Favorite Poem Project), mais conformareime con deixar aquí unha mostra da súa intensa e reveladora poesía, unha das primeiras que se traslada á nosa lingua. Trátase do poema “Keyboard”, publicado orixinalmente en Gulf Music, que soaría así na milenaria lingua dos cancioneiros:

Teclado

Un piano incorpóreo. Os auriculares permítenlle
a quen aloumiña as teclas un aquel senlleiro
no interior da música. Podes berrarlle, mais non se virará:

imaxe dunha alma que quere arredarse do mundo.
Apolo ofidio esfola vivo o músico inxenuo:
daquela Marsias adquiriu sensibilidade abonda

para percibir o mundo enteiro en cada nota. En África
os criminais con machetes para cortar as mans
solicitarán ás vítimas que escollan “manga longa ou curta”.

Shahid Ali conta o que lles aconteceu aos teceláns de Cachemira,
matar a Arte. Hai un número contado de historias.
A perda. O Elixido. E antes mesmo A Viaxe,

A Metamorfose: o froito de calquera árbore, a porta
dun cuarto calquera, agás este ―e a ánima cobizosa,
a coitela do torno―. O Exército Vermello esnaquizaba os pianos,

pero dunha volta prenderon un home das SS que sabía tocar.
Sentárono ao piano e pasaron os dedos
pola gorxa adiante para facerlle entender que acabarían con el

cando rematase de tocar, así que durante dezaseis horas
beberon e violaron namentres o nazi golpeaba as teclas.
A Gran Canción do Mundo. Cando esboroou

salaiando riba do instrumento, batéronlle na cabeza
ata rebentarlle os miolos. Frío Orfeo sanguinario volve
de novo ao seu teclado para improvisar un pranto:

os laios de pracer dela e bla-bla-bla, ese punto
tras da orella, as lilas baixo a chuvia, un acorde suspendido,
unha frase igual que unha avelaíña noitarega a revoar indecisa,

oh perdida Eurídice, bla-bla-bla. O súa cabeza arcaica
continuaba cantando tras ser separada do corpo:
o corpo, vello e fiel compañeiro, sostén a melura

das laranxas, la-la-la, o recendo das améndoas,
o tasto das olivas, a súa faldra de la. O venerable e ancián
Poeta dixo, ¿que pomos para o recital, gravata?

¿Ou mellor sen gravata, pescozo alto? A cabeza
aboiando vírase cara a Apolo para cantar e Apolo,
ollada xélida de lagarto de lume, fatiga as teclas.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 1-3-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Outras literaturas, Tradución e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.