Lembrando a Sarmiento no seu aniversario

Sarmiento 2002O 9 de marzo de 1695 naceu Pedro José García Balboa, quen de mozo se fixo bieito e recibiu o nome de Frei Martín Sarmiento. Aínda que sempre se pensou que nacera en Vilafranca do Bierzo, veu ao mundo en Cerdedo (Pontevedra) hai 320 anos.

En lembranza deste seu natalicio, recupero un artigo titulado “Prosista en galego” que publiquei na prensa coincidindo co Día das Letras que se lle dedicou no 2002, un texto no que salientaba as facetas de didacta e amante da nosa lingua de Sarmiento.

Cando se pensa no sobresaliente labor cultural levado a cabo por Frei Martín Sarmiento sempre se lembra o seu quefacer como estudoso e profundo coñecedor de todos os saberes xeográficos, históricos, astronómicos, botánicos, zoolóxicos e médicos da súa época, ao que se acostuma engadir a súa decidida defensa da lingua galega e mesmo as súas sabias puntualizacións pedagóxicas verbo do tema. En definitiva, pénsase nel, con xustiza, como nun verdadeiro ilustrado en toda a extensión da palabra, un sabio dezaoitesco que tampouco descoidou a faceta creativo-literaria, tal como testemuña o célebre Coloquio de 24 gallegos rústicos (1746).

Martín_SarmientoAgora ben, non debe esquecerse que Sarmiento foi tamén un histórico cultivador da prosa en lingua galega. É ben certo que tal circunstancia se produciu de modo puntual, mais non por iso deixa de posuír unha decisiva importancia no paupérrimo contexto prosístico galego dos Séculos Escuros.

Neste sentido, a convicción que o frade bieito tiña da conveniencia de ensinar os nenos e nenas galegos na súa propia lingua fixo que inserise no Onomástico etimológico de la lengua gallega (1769) un breve fragmento en galego onde se explicaba “con voces vulgarísimas, triviales y que entiendan todos” un concepto científico abondo complexo como o da paralaxe.

Por outra banda, este texto de Sarmiento constitúe unha mostra de singular relevo para a historiografía prosística galega ao ser o único exemplo de escrita didáctica dende a Idade Media, xa que a nosa tradición neste eido salta dende os tardomedievais Livro de alveitaria, Livro de falcoaria de Pero Menino e mais o Livro de cetreria e o Tratado das enfermidades das aves de caça ata os escritos panfletarios sobre da Guerra da Independencia de principios do século XIX.

De feito, este escrito de Sarmiento é unha das contadas mostras que conservamos da prosa galega de todos os Séculos Escuros, á que apenas se podemos sumar algúns exemplos de prosa tabeliónica de principios do século XVI, certos textos de xorne histórico-lendario como a Relazón da carta xecutoria (de primeiros do XVI, aínda que conservada en copias do XVII e XIX) e a escrita epistolar ao Conde de Gondomar de varios familiares e amigos seus (de fins do XVI e inicios do XVII).

coloquio de 24 galegos rusticosAsí pois, non cabe dúbida de que este texto de Sarmiento adquire, visto dende os nosos días, un especial interese, tanto polo feito mesmo de servir de ponte xenérico-literaria canto ao que á prosa didáctica se refire como, sobre todo, por ser un moi prezado testemuño textual a través do cal estudar o estado da nosa lingua naquela altura histórica.

Xa que logo, coido proveitoso reproducir para rematar a amentada prosa, pois malia os moitos e moi valiosos traballos que sobre Sarmiento se fixeron nestes últimos tempos, segue aínda a ser difícil para o lector común dar con este precioso textiño, con seguranza unha das prosas máis salientables da nosa tradición escrita. Velaí:

Explíquese a un niño la voz paralaxe de este modo: ¡Ay meniño! Olla, sê tê pôs debaixo de un melon que está colgado do fayado anque a tua vista estropeze nô melon, fay de conta que ela vay a parar ao cravo do càl o melon està dependurado. Arrédrate 10 ou 12 pes á calquer lado da sala. Vota á vista polo melon, e verás que jâ ela non vay á parar ao cravo, sênôn á un ponton, que està distante dele. Nisto se fay nô melon, con as duas raíñas da vista huma cruz ou tixeyra aberta. Así pois á aquela variación de lugares, que a vista fay no fayado chaman os gregos e os latins parallaxis, e ti chamarás paralaxe.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 17-5-2002]

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Literatura galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Lembrando a Sarmiento no seu aniversario

  1. Xoán Manuel Estévez di:

    Hai tempo que non me dirixo a ti, pero non por iso deixo de lerte co lóxico interese.
    Desta vez descubrín que Victoriano Taibo finou preto de onde eu vivo.

    Grazas por todo.

Os comentarios están pechados.