A grandeza do anano Joujou

BorwlavskiA última agradable sorpresa entre as miñas lecturas trouxéronma as Memorias do famoso anano Joseph Boruwlaski, narradas por el mesmo e publicadas por vez primeira en Londres en 1788.

Boruwlaski, como o propio título indica, foi un célebre anano nacido de familia humilde que foi adoptado por unha xentil dama para pronto pasar a se converter en algo así como un espectáculo circense das cortes centro e noreuropeas dos finais do Antigo Réxime.

Nun tempo no que eran considerados ‘fenómenos’ da natureza as persoas con malformacións conxénitas, os casos de xigantismo, androxinia e demais, estes constituían o maior e mellor entretemento para a nobreza que podía pagar a súa compaña, Boruwlaski alcanzou notoriedade co nome ‘artístico’ de Joujou e a súa cabaleirosidade e bo xuízo chamou a atención de personaxes como a emperatriz María Teresa de Austria, o Príncipe de Gales ou o rei de Polonia.

Tanta foi a fama que no seu momento alcanzou a ter Joujou que a voz ‘nain’ (anano) da Enciclopedia de Diderot exemplificou con el, pois foi a súa unha existencia chea de vivencias e aventuras, amais de longa, pois chegou case a centenario.

En esencia, as Mémories du célèbre nain Joseph Boruwlaski, gentilhomme polonais (pois ese foi o título co que se publicaron inicialmente en francés) narran as orixes, adopción e viaxes polas cortes europeas do seu protagonista ata recalar no Reino Unido, onde, esporeado polas necesidades económicas, acepta poñer por escrito as súas andainas colleitando grande éxito.

Joseph_BoruwlaskiUn éxito, cómpre dicilo, que se esqueceu logo do seu tempo, pois a única edición recente do libro tirouna do prelo Flammarion aínda no ano 2008. Dela é de onde foron traducidos o texto castelán de Lengua de Trapo (no 2010) e o galego que agora verteu —moi competentemente— Rodrigo Vizcaíno para Rinoceronte, a casa que o editou entre nós a fins do pasado ano.

As Memorias do famoso anano Joseph Boruwlaski son o espello no que comprender o mundo freak que logo veu (o home forzudo, a muller barbuda e outros espectáculos de feira), mais tamén un documento sociohistórico de grande interese, por canto a canda as angueiras do singular anano imos coñecendo de todo un mundo e unhas xentes ben diferentes a nós e, no fondo, perfectamente semellantes. O retrato dos hábitos e protocolos sociais, das relacións entre clases e mesmo dos usos festivos e amorosos son realidades que alimentan estas páxinas a medio camiño entre a picaresca tardía e o relato de aventuras, o bildungsroman e a novela epistolar, conformando unha narración tan xenuína como atraínte deste célebre personaxe, non un liliputense imaxinario como os de Swift, senón un ben real anano hipofisario que inmortalizou nunha memorable narración os seus días e traballos.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 22-2-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.