Poética visionaria

poetica-visionariaRamón Neto (A Illa de Arousa, 1975) é poeta de estratificación vagarosa. A súa escrita vai sedimentando en textos de fluír remansado que, como toda arquitectónica superior, son recoñecidos nada máis ven a luz tras o seu lento e cadencioso conformarse. Iso explica que A estación única dunha illa (2010), o seu primeiro libro, gañase o Xosemaría Pérez Parallé, que As lavandas adáptanse a todo erro de navegación (2012) se fixese co Miguel González Garcés ou que o libro do que me ocupo aquí, Dominio público, merecese o VIII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola A. C. Caldeirón e mais o concello de Malpica.

Apenas unha trintena de composicións abóndanlle a Neto para convencernos da intensidade visionaria das súas evocacións eróticas. En Dominio público hai moito de musical, de pictórico, mesmo de écfrase, tamén de fotográfico e cinematográfico, por tanto, de multiartístico. O verso enchóupase de sons, de imaxes e escenarios, de xogos autorreferenciais e metapoéticos, de citas e alusións.

Neto aborrece a lírica verbosa, o engoumado do período, as grecas lexicais vougas. O seu é un dicir do cotián escolleito, un crear a partir de materiais vocabulares adoitos que cobran nova vida nunha combinatoria desusada. Os cisnes, para as postais.

r_netoPorque Dominio público reivindica os amores cincentos, as eróticas de cuarto de alugueiro, as paixóns de hostal barateiro e a épica amatoria da barra do derradeiro tugurio da madrugada. Nada menos real que o glitter do aparente, o fashion de anuncio que Neto sitúa nas antípodas da súa poética, inzada de hoteis sen estrelas.

O cósmico (“Landra cuspida pola nube de Oort”, “Hai vida alén do cinto de Kuiper”), o políglota (“Dressed to kill me”, “Drum & Bass”, “Antonioni wants your naked soul”, “Commune libre”, “Ceci est un tramway”) e aínda o cosmopolita (“Rostro do mundo”, “Irisacións no Lago Amacu”) anúncianse dende os propios títulos dos poemas, confirmando a amplitude na ollada e a dialéctica destes textos, que saben igual de Verlaine ou Breton que de Hugo Claus, mais tamén de Claudio Rodríguez Fer, Paco Souto ou Elvira Riveiro Tobío.

Poemas en prosa abrindo e pechando a obra alternan con outros textos máis breves, aínda que o predominio do verso longo é notorio en todo o libro, como se a expresión pausada e de amplo alento fose inevitablemente connatural á estética fundante dun Ramón Neto, quen en Dominio público achega froito madurecido dunha traxectoria en constante progresión.

[Faro de Vigo, 12-3-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.