Ars dedicandi: Ricardo Carballo Calero

ars_dedicandi_carballo_caleroHai exactamente un cuarto de século que nos deixou don Ricardo. Así, dicindo tan só o nome co tratamento de cortesía, sabemos todos a quen nos referimos.

Porque a don Ricardo é moito o que se lle debe. E aproveito hoxe para volver dicir, con todas as letras, algo que teño comentado mil e unha veces: só polo seu labor como estudoso e historiador da nosa literatura merecería unha grande homenaxe nacional.

A súa Historia da literatura galega contemporánea (1963) foi un fito, senlleiro, no devir das nosas letras. Tras del foron moitos os que se aplicaron á análise diacrónica da escrita de aquí, pero fixérono con métodos e enfoques diferentes, sen dúbida ben celmosos para diversas cuestións, pero deficitarios nunha básica: a historiografía literaria dos nosos días ten de avanzar na interpretación intratextual e a iluminación contextual, xaora, pero séguenos faltando unha nova historia da literatura que, tentando incorporar eses valores, non renuncie á codificación positivista de todo o producido, sobre todo nas últimas décadas. Son consciente de que, así formulado, apunto a un proxecto case enciclopédico, pero aí está o reto.

Mais don Ricardo foi tamén narrador, poeta e dramaturgo, con fortuna desigual, seguramente, pero con idéntica paixón e dedicación á causa. Cómpre recoñecerllo.

A dedicatoria que reproduzo evidencia a súa capacidade para a detección dos novos talentos literarios ata o último alento. Tamén a amizade que o uniu a Claudio Rodríguez Fer, quen tanto se ten ocupado da súa obra, que chegou a editar.

Neste día no que o recordamos, sexa este pequeno lembradoiro unha homenaxe máis no mar delas que todos debemos promover.

Esta entrada foi publicada en Ars dedicandi e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

4 respostas a Ars dedicandi: Ricardo Carballo Calero

  1. manuel rodríguez alonso di:

    Estou de acordo no que dis de que Carballo Calero, só que sexa pola súa gramática e mais pola “Historia da literatura galega contemporánea”, merece unha homenaxe nacional. Hai que porse a traballar nesa homenaxe!

  2. manuel rodríguez alonso di:

    Estou de acordo en que Carballo merece unha homenaxe nacional, tanto pola súa Historia da literatura galega contemporánea como pola súa gramática, así como por todo o seu labor. Hai que porse a traballar xa nesa homenaxe!

  3. Adela Figueroa Panisse di:

    Parabéns por esta iniciativa. Gostei do artigo. É merecido e , alias bem justo. Para ele e para toda a Galiza.
    Muito obrigada pela parte que a mim toca. Beijinhos e amizades.
    Curra

  4. Sumámonos. Sempre o temos presente no inicio da web

Os comentarios están pechados.