Apocalipse 2.0

?????????????A lectura da escrita de Cristina Ferreiro produce en min decote unha descarga de adrenalina, unha sorte de arreguizo occipital que me tensa alerta contra a invasión dos ultracorpos da maina e hipócrita sociedade. Experimentei ese desacougo lendo Desequilibras e caer (2009) e logo aprendendo o seu Abecedario póstumo (2013). Pero o shock bloqueuno todo co recente As paisaxes eléctricas, brillante gañador do XXVI Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.

As paisaxes eléctricas son un canto ao ermo pantecnolóxico, ao deserto futurista no que vivimos inmersos, ladaíña dos iphones, as thermomix e o sexo virtual. Non hai lugar (o lugar é un deslugar, unha utopía que se enche de ruído), non hai corpo (o corpo é un ermo, un universo radioactivo no que xa non se tece, nin soa nin en compaña, tea ningunha), as armas están cargadas de non futuro e tampouco hai nin barcos, nin nós, nin dicionarios, nin divinos olores.

Aquí é a loucura do amor vía satélite, da conxugación verbal do antídoto e a memoria, a lembranza do Futuro dende o Futuro, habitando a Historia do Mundo á distancia dun clic namentres escoitamos techno no súper e creamos a ilusión de dotar de sexo os anxos.

O código binario, os apóstolos desfilando nunha Apocalipse 2.0 e o amor como simulacro, como esmola afectiva entre latas de conserva, todo fugacidade, letarxia, cópula solidificada con farangullas entre os dentes.

A terra é náufraga, os electrodomésticos ínzano todo, o agarimo é o intersticio da asepsia entre dispositivos electrónicos e un latir de palabras como animais feridos, como bestas poboando a FNAC.

A felicidade é tamén unha ilusión, un espellismo do baleiro vedado para nós, minúsculos seres entre libros estratexicamente colocados, nun cosmos no que todo se repite en bucle e a deusa cacofonía esixe devocións aburadas, inmenso reality show de viandantes esfolados, helicópteros, densidades de poboación e (des)amor rodeados de gasolineiras, algoritmos que resolven 0 e afectos de suicida.

cristina ferreiroPor remate: “Somos o noso deterioro,/ un escenario podre/ e minúsculo”. Vale dicir: a devastación dos que caen de sétimos pisos, de nenos sen parques “xogando a ser outros/ co cabelo sucio/ e a roupa rota”, nenos “xogando a ser mortos”.

Realidade zombie, a morte e mais a vida morréndose ao unísono. Europa desolada, fragmentación dos individuos, sombras da palabra extrema.

Non quero rematar sen recomendar, con toda intención, a lectura epilogal do texto prologal coa que a tamén poeta Estíbaliz Espinosa complementa a obra. Escribo complementa e escribo ben: as palabras de Espinosa atrapan o sentido e retroalimentan o significado extendido do mapa conceptual que propón Ferreiro. O discurso de Espinosa implementa un universo de hermenéuticas cruzadas, de heurísticas (meta)poéticas que fan de As paisaxes eléctricas un “deserto do surreal”.

Beizóns, pois, a Xiana Arias, Alba Cid, María Solar e Mariña Pérez (repóker de mulleres escritoras) por ter premiado estas electropaisaxes. E parabéns tamén a Xabier Castro Martínez (coordinador do certame) e o concello de Dodro (con Valentín Alfonsín Somoza á cabeza e Cristina Codesido Fernández na intendencia) por facer posible o milagre desta illa de Poesía que Sotelo Blanco materializa ano tras ano.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 22-3-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.