Na punta da lingua

La segunda lengua“Realmente escribimos/ porque unha imaxe vale máis ca mil palabras”. Velaí a rotunda sentenza coa que remata un dos seus poemas Yolanda Castaño, a autora coruñesa que o inclúe en A segunda lingua.

O libro foi merecente a finais do 2013 do XI Premio de Poesía a Fundación Novacaixagalicia, que veu luz na primavera do ano seguinte editado polo Centro PEN Galicia na colección Arte de Trobar.

Recentemente a obra volveu publicarse, desta volta baixo o título La segunda lengua e en edición bilingüe galego-castelá preparada pola propia autora para a colección Visor de Poesía.

Non é a primeira vez que Castaño ve os seus versos traducidos, nin tampouco a súa estrea na referencial Visor. De feito, Libro da egoísta (2003) e mais Profundidade de campo (2007) foron trasladados tamén no 2006 e 2009, respectivamente, o que dá idea da consideración que pola súa escrita se ten nun selo que é unanimemente recoñecido como un dos buques insignia da edición poética no Estado.

La segunda lengua ofrece unha trintena de composicións nas que a metarreferencia poética e a reflexión sobre a circunstancia idiomática se constitúen en eixo central do discurso. Un discurso, cómpre subliñalo, inzado de ironía, dun humor ben xenuíno que descré de tópicos e solucións estereotipadas para avanzar polos bordos da denuncia do convencional, que ten sempre na punta da lingua.

O emprego de recursos semánticos nos que o xogo de equívocos e dobres lecturas implementa a decodificación dos textos converte a lectura deste libro nun agradecido exercicio de revelacións. Nada é o que parece. Ou mellor, o que parece é iso e moito máis, o que fai destes versos campo minado para as interpretacións unívocas de percepción inxel.

Yolanda CastañoArrisca Castaño nas fórmulas escolleitas para as súas propostas líricas e en La segunda lengua poden lerse tanto poemas-decálogo (“Como leer poesía”) coma poemas-crónica (“Metrofobia”), igual poemas-definición (“La palabra Galicia”) que poemas-corrección de erratas (“Sic”).

Estes versos lémbrannos que á tinta de lura hai que lle procurar talento, que facer dieta é unha aventura, que hai zumarentas cousas que comezan por y, que o papel é un misterio e o linguado unha metáfora, que a poesía vén sendo unha lingua minorizada e os subliñados non son sempre do autor, que less is more cando lle cadra, que a logopedia e a fonoterapia son armas perigosas, que hai quen fala atonal e quen é atonal, que as musas son menos musas se non teñen intérprete, que o mundo é un xigantesco teleprompter e non hai orde máis tirana que a alfabética. En fin, que o poema, tantas veces, é tamén a fin da cita e entre o corpo e a linguaxe media un mundo.

Paga a pena, e moito, a lectura do texto de contracuberta que outra excelente poeta, esta cordobesa, escribe arredor do libro: Elena Medel. Neste caso, a brevidade compénsase, sobradamente, coa acuidade.

La segunda lengua é un motivo de satisfacción triplo: dunha banda, por ver traducida unha obra que merece coñecerse aquí e por toda parte; por outro lado, por confirmar un recoñecemento, necesario, a unha voz que tanto leva feito pola proxección das nosas letras dentro e fóra de Galicia, tendendo as máis diversas e orixinais pontes e, finalmente, porque todos gañamos vendo as nosas letras (asíneas quen as asine) como fillos pródigos que camiñan polo mundo e nos enorgullecen.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 29-3-2015]

 

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.