Escrita volátil

o faro escuroMaría López Sández é unha sólida investigadora que, dende hai un tempo, diversificou a súa escrita iniciándose nos eidos da narrativa de ficción. O primeiro froito desa nova andaina foi A forma das nubes, prometedora novela curta coa que gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol no 2012. A esta contribución inicial acaba de sumárselle O faro escuro, a obra coa que ficara finalista do último Premio de Novela por Entregas de la Voz de Galicia e que ve agora luz da man da Editorial Galaxia.

O faro escuro é unha narración de intriga que canxa perfectamente cos principios reitores do xénero policial: unha xornalista de éxito, Catalina Moscoso, é secuestrada sen móbil aparente e unha rapaza inspectora de policía, Elisa Neira, será a encargada de pescudar nas pistas que a conducirán a desvelar o misterio da súa desaparición para tentar rescatala san e salva.

O que vén despois é doado de imaxinar: trinta e un capítulos que reiteran a estrutura (recollida do fío da anterior entrega, mínimo desenvolvemento e suspense climático final que pide pola seguinte entrega), personaxes adoitos neste tipo de intrigas (un delincuente resentido e traumado, uns axudantes ben sabuxos e toda unha loxística de causas-efecto máis ou menos azarosas que van levando a un da man a través dunha prosa liviá que deixa correr o relato cara ao remate agardable).

A López Sández hai que lle agradecer a corrección no emprego das fórmulas propias do xénero, tamén os esforzos por manter a atención sobre o futuro dos acontecementos, por máis que os lectores perspicaces, alén da páxina 79, teñan que facer un exercicio de inocencia para non presupoñer o final.

lopez sandezNo debe, certas pasaxes obvias (o parágrafo derradeiro, poño por caso), a planicie caracteriolóxica dalgúns personaxes ou a falta de desenvolvemento doutros que moito prometían, esta última explicable, só en parte, polo constrinxidor da mecánica de trinta e unha entregas á que sometía o concurso, pero non defendible cando a novela se publica, libremente, fóra das bases dese certame, polo que podía terse redefinido, se se quixer.

Con todo, entendo que este O faro escuro (tan semellante a outros títulos e filmes ben coñecidos) ha ser unha lectura abondo entretida para os que andan á procura dun lecer vagaroso, sen complicacións extremas, que lles dea a oportunidade de regalar o olfacto cunha esencia literaria fresca e recendente, volátil, pero, polo mesmo, de fugacidade ben agradecida.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 12-4-2004]

 

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.