Literatura e rugby

o salmon ovalA lingua e a literatura galega ten de fluír alén dos círculos restritos do filolóxico. Por iso considero de tanto valor unha iniciativa como O Salmón Oval, revista sobre rugby realizada dende Pontevedra que ten como editor e responsable último ao tradutor e profesor Isaac Xubín, tamén el xogador deste deporte, ao que ten dedicado no pasado non poucos escritos ben literarios.

O Salmón Oval está escrito integramente en galego, incluídos os paratextos e a publicidade. Mais non resulta admirable só por iso, senón tamén por inserir entre os contidos textos de creación en galego. Así, xunto a interesantes artigos sobre o Torneo das Seis Nacións, o deporte en clubs como o Mareantes Rugby Club ou o Pontevedra Rugby Club, entrevistas a responsables da disciplina como Nacho Cociña (Presidente da Federación Galega de Rugby), lembranzas de memorables encontros como o que relata Uxía Vázquez ou traballos sobre a actualidade deste eido asinados por adestradores como Raúl Varela, tamén se incorpora un texto ben informativo da profesora Iolanda Ogando a propósito do “Deporte para as linguas: camiños de cidadanía”, quen traza unha síntese do proveitoso do desenvolvemento deportivo no marco da convocatoria do Selo Europeo das Linguas promovido pola Comisión Europea.

O diálogo literario póñeno Elvira Ribeiro Tobío, de quen se reproduce o poema “Scrum”, centrado tematicamente na épica deste deporte, e mais a prosa “Non me chamedes comellón”, do propio Xubín, que imbrica rugby e gastronomía nun relato dominado polo humor e a reflexión.

Nada máis grato, pois, que parabenizar o primeiro número deste O Salmón Oval (marzo, 2015), con vistosa cuberta de Miguel Cuba, unha iniciativa á que desexamos longa vida.

Esta entrada foi publicada en Varia e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.