Guerra Da Cal, embaixador literario

Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universalEscribín no seu día que a figura de Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911-Lisboa, 1994) constitúe unha das de maior relevo no panorama cultural galego do exilio, pois o seu labor como ensaísta e investigador literario amais de como profesor universitario fan del un dos nomes imprescindibles da Galicia de alén mar, que tivo neste ferrolán de nacenza e quirogués de adopción un dos máis preclaros persoeiros da súa particular diáspora.

Porén, a importancia do autor non gozou do recoñecemento que debía entre os estudosos do fenómeno literario galego, o que, ao meu ver, se explica por tres motivos: a) A súa condición de escritor exiliado, que non favoreceu en nada a súa difusión e presenza pública habitual no fluído diario da vida literaria galega da segunda metade do século XX; b) A súa particular e conflitiva escolla lingüística, que, segundo moitos, o abeira perigosamente contra os límites externos do propio sistema literario galego; e c) No que di da escrita poética, tampouco axudou a súa coincidencia xeracional e/ou epocal, que arrastrou inevitablemente a súa produción a unha desigual convivencia coa obra de Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.

Por iso se facía indispensable unha monografía que recuperase e dignificase a valiosa obra do autor. A este reto quen mellor podía responder é o xornalista e investigador Joel R. Gômez (Ourense, 1959), que dende hai máis de vinte anos leva profundando sobre a súa traxectoria, á que dedicou a tese de doutoramento defendida no 2009 na USC e aínda o volume Fazer(-se) um nome. Eça de Queirós-Guerra Da Cal: Um duplo processo de canonicidade literária na segunda metade do século XX (2002).

Froito, precisamente, dese traballo académico publícase agora Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, moi documentado ensaio que ve luz da man de Através Editora, un dos selos que nos últimos tempos esta a pór en circulación algunhas das máis joel r. gomezinteresantes monografías de análise literaria.

Nos case catro centos de páxinas deste libro Gômez repasa os principais episodios biobibliográficos do personaxe, dende a nacenza e primeira formación no Ferrol de inicios do XX ata a desaparición na Lisboa de mediados dos noventa, pasando polo intenso labor como profesor universitario nos EUA entre 1939 e 1977 e as posteriores estancias en Estoril (1977-1989) e Londres (1989-1992).

Nese ir develando os chanzos do que foi a súa andaina profesional descóbrese como esencial o papel que xogou como embaixador literario na difusión nos eidos anglófonos e lusófonos das nosas letras, así como o relevante posto que ocupou como hispanista e lusitanista, principalmente no ámbito dos estudos queirosianos, mais tamén na esexese e canonización de Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez ou Fernando Pessoa.

Ogallá este minucioso percorrido documental por todos os contributos filolóxicos de Guerra Da Cal que ofrece Joel R. Gômez sirva para devolver o autor ao lugar que merece como difusor e analista da escrita galega e non só. Aínda máis: coñecer mellor a súa figura por forza axudará a redimensionar a proposta poética que nos legou en Lua de além mar (1959) e Rio de sonho e tempo (1963) e noutros textos de mediados dos oitenta e primeiros noventa. Unha ollada á ampla bibliografía final (activa e pasiva) deste Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal e ao limiar que asina Elias J. Torres Feijó seguro que acabarán por convencer a quen se achegue a esta traballada monografía do interese certo dun persoeiro ao que tanto debemos.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 17-5-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.