As linguas da cabeleira

A CabeleiraClaudio Rodríguez Fer é un dos poetas galegos das últimas xeracións que viu en máis ocasións traducidos os seus textos. Son varios os libros por el asinados que apareceron en edicións bilingües e moitos dos seus poemas figuran escolmados nas máis prestixiosas antoloxías internacionais. A maior abondamento, el mesmo ten traducido ao noso idioma textos referenciais da mellor literatura universal; poño por caso, a recente versión de Moss (2015) de Emily Dickinson.

Por tanto, non é sorpresa ningunha saber que o seu poema “A Cabeleira” volveu ser obxecto de transvases a outras linguas na publicación A Cabeleira (Poema en 35 idiomas), que recupera e amplifica un proxecto de hai anos, tamén aparecido, como este, na colección A Tola Soñando.

“A Cabeleira” veu luz por vez primeira na revista Grial a finais do verán de 1985. Logo foi incluído polo autor no poemario A boca violeta (1987) e puido lerse xa en versión tetralingüe (galego, inglés, francés, castelán) en 1995. Con posterioridade, veuse trasladado ao ruso (1999) e ao bretón (2000) e Rodríguez Fer volveu antologalo nos volumes Vulva (1990) e Amores e clamores. Poesía reunida 1973-2009 (2011).

Todo este periplo bibliográfico (que evidencia a aceptación e alto interese suscitado pola composición) alcanza agora un novo estadio coa súa publicación nunha trintena e media de idiomas, entre os que se contan linguas de todos os continentes habitados (Europa, África, América e Oceanía), das máis complementarias procedencias culturais e de ben singulares tradicións. Como a listaxe é longa, limitareime a sinalar aquelas menos habituais, pois o lector poderá supor que as máis próximas ao noso contexto figuran tamén. E velaí como, a canda esoutros idiomas adoitos, o verso de Rodríguez Fer pode lerse en danés, neerlandés, ruso, checo, polaco, armenio, hebreo, árabe, chinés, xaponés, hindi, swahili, ioruba, wolof, quechua, guaraní, rapanui e, claro está, esperanto.

cfr retratoEscritores, tradutores recoñecidos e multipremiados, investigadores de relevo e grandes profesores son os responsables destas versións aos diferentes idiomas (imposible citalos todos), que se acompañan das ilustracións interiores de Sara Lamas e a orixinal e fermosa cuberta de Carmen Blanco.

A Cabeleira (Poema en 35 idiomas) complétase cuns apéndices biobibliográficos sobre o autor, a súa traxectoria profesional, poesía e narrativa en galego, estudos, ensaios e traducións e unha breve nota verbo do rastro editorial do poema.

A contracuberta reproduce o poema manuscrito por Carmen Blanco, quen fai del un caligrama de melena ondulante para dar lucido remate a unha edición que homenaxea no colofón a tantas vítimas de procesos bélicos, xenocidas e autoritarios, reivindicando para eles “memoria, verdade, xustiza e reparación”, no desexo de que todos os que participaron na confección da publicación e os que saiban da súa existencia como lectores gocen de “amor, poesía, paz e liberdade sen fin”.

Por remate e en homenaxe, vaia aquí, máis unha vez, o espléndido poema de Claudio Rodríguez Fer na lingua que o viu nacer hai agora tres décadas para convertelo nun imprescindible da poesía galega contemporánea: “Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas./ Incerto fillo son das tribos móbiles que só se detiveron cando se lles acabou o mundo./ Non teño outras raíces que as da espora nin outra patria habito que a do vento./ Síntome da estirpe daqueles pobos nómades que nunca se constituíron en estado./ O noso espírito coñeceu o abismo e o sentido telúrico do contorno natural./ A nosa historia é a dun pobo que perdeu o norte e se confundiu cos bois./ Pero eu recuperei o norte no medio do naufraxio fluíndo sensualmente da cabeleira da lúa./ E a inmensa cabeleira é labirinto no que soamente falo a quen eu amo.”

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 31-5-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.