Orixes da escrita: Aló en Lamanide

lamanide

Aló en Lamanide

Aló en Lamanide, ô pe do río,
nunha leira de cómaros en sombra,
araba unha xugada de bois novos,
os cornos pequeniños, estrelados.

Ó facer un cadullo, de repente,
a xugada paróu.
Qué paz inmensa
nas maus daquela hora chea de sol,
leda coma un Mercurio!
No aire as loias
nin siquera o souperon. Un dos bois,
coas faces escumosas cheas de sangre,
caéu entre as sucadas.
Caéu morto!

—Ai, meus labregos do vilar de Albán!—

Sobre os longos vilares, o azul calmo
do bafexar calado das aradas.
Fontes de auga soñada, quedas, longas,
sombras de álamos regan a ribeira.

Coma nun liso mármore impasibre,
a señardá resalta en dôr calada
a un brutamontes, triste coma a noite,
o xato sin parexa dexunguido.

Na paz das veigas —sô— quedóu o arado
enrellado na cal.
Ó lado, inmenso,
sacrificado a un fado escuro e triste
un boi, inda xuvenco, doce morto.

Pol-os bosques abaixo, pol-os cómaros
de verdes prados moles, gurgullantes
por cen toupeiras vivas de auga nova,
co seu boi sin parexa dexunguido,
triste, calado e sô vai o labrego.

Entre us seixos, de prados arelante,
con zoquiñas de vidro patuxando,
salta un regueiro novo. O boi sin sede
mal bafexóu a i-auga e inchóu as faces
de ávidas ventás en fondo ardor,
coma de auroras ou mazás reinetas.

Arrimado á aguillada e ô carón,
cun non sei qué no peito derretido,
ollos estarulados e pasmados,
triste brañego, amigo de Virxilio,
deixa ir a cabeza do seu peso.

A i-auga tira d’ela contra a terra,
xogando coa sua sombra engueimadiña
leda e cruel, aló en Lamanide.

Iníciase a sección ‘Orixes da escrita’, na que se irán recuperando textos emblemáticos da literatura galega especialmente vencellados a localizacións concretas, que serán ilustradas fotograficamente para os rememorar.

lamanide (II)Dáse comezo a esta sección co poema “Aló en Lamanide”, de Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago de Compostela, 1961), recollido na sección “Cabrifollos e oucas” do seu libro Cómaros verdes (1947).

Lamanide é o nome dun fermoso altorelo con terras de labor e largacíos prados rodeados de frondosas arboredas situado a apenas un quilómetro ao surleste da casa natal do escritor, no lugar de Seivane, parroquia de San Xoán de Vilarente. É alí, no espazo contiguo ao vilar de Albán que tamén figura no poema, onde se desenvolve a traxedia rústica que palpita nestes versos: a morte dun boi durante a arada, en plena canícula, e o regreso derrotado do labrego ao lar acompañado do outro bóvido solitario que sobrevive. Unha das mellores composicións do autor, na que se condensa a vivencia de todo un mundo e os seus valores que, malia a súa evidente transformación, no substantivo segue a conmovernos.

Esta entrada foi publicada en Orixes da escrita, Poesía galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Orixes da escrita: Aló en Lamanide

  1. Paz Zeltia di:

    Con que forza me levou ao meu Lamanide, a un tempo e un modo de vida que xa non será.

Os comentarios están pechados.