Ver e reparar

el abrazoUn podería tratar inutilmente de resumir nunhas poucas liñas a brillante traxectoria profesoral, investigadora e creadora de Marina Mayoral, mais coido que o exiguo abeiro que proporciona esta páxina non lle había facer xustiza e, ao final, todo había resultar escaso. Abonde dicir, por tanto, que sen ela Rosalía sería menos Rosalía, que Emilia Pardo Bazán non se entendería cabalmente e que moitas promocións de alumnos da Complutense e de lectores de todo o Estado terían perdido momentos inesquecibles de felicidade na compaña de palabras memorables, como algunhas das que agora quero falar.

El abrazo, a máis recente novela da mindoniense, chega ás librerías da man dun selo barcelonés de proxección contrastada: Stella Maris, quen o lanza ao mercado nunha edición de tapa ríxida e sobrecuberta de indubidable gancho comercial dende a mesma ilustración, un labirinto sobre o que se proxectan os escorzos dunha aparella en aperta cómplice, cabeza contra cabeza.

Paratextualmente, por tanto, El abrazo xa nos sitúa nunha trama vertixinosa de sentimentos confusos e volcánicos que ha entrar en erupción mercé a un motivo argumental que atrapa o lector de inmediato: Federico Castell, un arquitecto de éxito, ingresa grave no hospital e acaba por sufrir unha morte clínica. Agora ben, lonxe de calquera doada explicación, permanece cun electrocardiograma plano durante case vinte minutos para logo, insospeitadamente, ‘revivir’. Nese tempo de aparente morte, Federico ―Fede― experimenta unha sorte de ‘viaxe astral’ que lle permite non só ver e escoitar o que acontece no cuarto no que convalece, senón tamén o que sucede na sala contigua onde o doutor lle comunica á súa muller Jimena e ao seu irmán Fran a triste nova. Nese estado de elevación extracorpórea é quen de contemplar o efusivo, cómplice e amantísimo abrazo no que se funden seu ‘orfo’ irmán e a súa recentísima ‘viúva’.

m_mayoralRecuperado o alento e o vaivén de sístoles e diástoles, esa visión da aperta amante perseguirao a todas horas e comezará unha intensa pescuda nas lembranzas do pasado propio e nas circunstancias familiares para tentar descubrir segredos que, ata entón, lle pasaran inadvertidos.

Neste profundar cruza con outros personaxes que complexizarán todo; poño por caso, unha enfermeira de mans prodixiosas, Mica, que é quen de masaxear ata levar aos extremos do pracenteiro, pero que, asemade, resulta ser unha compañeira extraordinariamente comprensiva e bondadosa. E aínda desfilan pola novela outros caracteres de interese certo que sería longo enumerar, como a anciá nai do protagonista, outra compañeira de Mica tamén enfermeira e así.

El abrazo consegue algo verdadeiramente difícil: xunguir nunha mesma historia unha trama de desacougante intriga e un relato de fonda prospección psicolóxica e que ambas dúas liñas de forza non só non se anulen, senón, todo o contrario, se retroalimenten para crear unha atmosfera mesta na que aboian as ocultacións e, ao tempo, as transparentes paixóns, o egoísmo e a ingratitude e, tamén si, o desprendemento e a xenerosidade. Todo, cómpre non esquecelo, nun marco estrutural que ten moito de parateatral (o comezo e remate de cada capítulo van balizados por didascalias perfectas) e no que o diálogo é, con diferenza, o estrato predominante do subsolo literario.

A vida e a morte, o amor e o desamor, o aparencial e o substancial, a amizade e fraternidade, os días que atravesamos gozosos e as xornadas que pasan por riba nosa, todo e máis revisa este El abrazo de Marina Mayoral, proba definitiva de que unha cousa é vere e outra reparare.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 7-6-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.