Ars dedicandi: Fuco Gómez

ars_dedicandi_fuco_gomez

Van alá cento vinte anos do nacemento de Fuco Gómez, emigrante á Habana nado en Becerreá que exerceu como escritor e xornalista en galego tras formarse autodidactamente.

Filántropo, independentista e masón, Gómez chegou a alcanzar unha estimable cultura e frecuentou o trato con importantes personalidades das letras do Caribe e doutros lugares. Devoto da poesía de Rosalía ―tamén da de José Martí― escribiu poemas como os de Pastorelas (1950), a novela O idioma dos animás (1937) e os volumes histórico-políticos Naciones ibéricas (1931) e mais Ensayos de crítica e Historia de Galicia (1960), entre outros.

A dedicatoria que recuperamos pertence ao seu libro Grafía galega (1927), de moi curioso e expresivo subtítulo. Obra moi discutible dende o filolóxico, pero de indubidable valor como testemuño da sensibilidade idiomática do escritor, nela evidénciase a paixón que Gómez sentía por Galicia, a súa lingua e a súa cultura, quen as defendeu ata posicións arredistas.

O destinatario da dedicatoria é nada menos que Ramón Otero Pedrayo, a quen Gómez moito estimaba dende o literario e apreciaba tamén pola súa entrega á causa galeguista.

Fique aquí, pois, esta pequena homenaxe a un soñador de nobres causas, redactor dun himno galego alternativo e ideador dunha outra bandeira galega, que nos deixou en xaneiro de 1972 non sen antes legarnos algunhas das páxinas máis singulares da literatura do seu tempo.

Esta entrada foi publicada en Ars dedicandi e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.