Francisco Luis Bernárdez, galego polo nobre sangue

bernardez (II)Arxentino polo nacemento, mais galego polo nobre sangue. Así se autodefiniu Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978), un dos poetas máis destacados da literatura da nación de José de San Martín e Manuel Belgrano, voz decisiva en libros como Alcándara (1925), El buque (1935), Cielo de tierra (1937) e, sobre todo, La ciudad sin Laura (1938), onde poden lerse textos que os rapaces daquelas latitudes aprenden de memoria nas aulas, como o memorable “Estar enamorado”, tan popular que os noivos o teñen por prezado regalo que testemuña a súa paixón no día do Amor.

Bernárdez é alí o gran poeta do transcendental, tamén a voz de Eros que rivaliza con Neruda, con Parra e, máis preto de nós, con Bécquer. É, amais, o inventor na lírica panhispánica do verso de vinte e dúas sílabas, do que foi un maxistral cultivador.

Mais o que se cadra non foi tan divulgado é a súa inequívoca pertenza ao sistema literario galego, pois non só escribiu na nosa lingua, senón que foi un activo axente cultural en moi diversos sentidos.

bernardez (I)O ser galego era nel unha predestinación. Seus pais e devanceiros proviñan de Dacón e Maside por parte paterna e de Compostela pola banda materna. A Galicia veu por vez primeira con apenas seis anos, volveu con dez e aínda regresou con dezanove en xaneiro de 1920, estancia que se prolongou ata decembro de 1924.

Durante ese tempo, contactou coa xente do Grupo Nós, que o introduciu de cheo no galeguismo en faladoiros como o do Royalty de Ourense, onde sentou á mesa con Risco, Otero Pedrayo, Fernández Mazas ou Montes. Son os anos nos que comezou a traballar como xornalista, primeiro en La Zarpa, logo no Faro de Vigo (onde publicou entre 1923 e 1924 poemas e unha columna de crónicas municipais titulada “De mi espejo cóncavo” que asinou co pseudónimo Artemio) e, dende febreiro ata maio de 1924, en El Pueblo Gallego, onde era respectado como redactor de prestixio.

Naqueles primeiros vinte Bernárdez foi amigo de Castelao, Cabanillas, Noriega Varela, Amado Carballo, Dieste, Blanco Torres, Paz-Andrade, Pimentel e moitos outros. Mais, por tratalos en Galicia, en Portugal ou en Madrid, tamén alternou con Gómez de la Serna (que lle prologou Bazar en 1922), Valle-Inclán, D’Ors, Teixeira de Pascoaes ou Unamuno.

Amigo entrañable de Borges (ambos fatigaron xuntos os arrabaldes porteños dos compadritos) e cuñado que foi de Cortázar, Bernárdez estivo presente cos seus versos, poemas en prosa e artigos en galego nas principais revistas da Preguerra: Nós, Ronsel, Vida Gallega ou Céltiga, e aínda noutras como Marineda, Alfar ou Vida Céltica.

La lengua gallega en voces argentinasCóntanse por ducias os seus artigos sobre escritores ou realidades galegas e a el debemos o imperecedoiro Discurso encol do idioma galego, pronunciado en 1952 en B. Aires e editado alí, un ano despois, por Seoane. Só ese texto (ao que habería que lle sumar o célebre “El idioma prohibido”, que tanto fixo a prol da causa da nosa lingua no Congreso da UNESCO celebrado en Montevideo en 1954) abondarían para asegurarlle un posto nas letras de noso. Pero houbo máis, todo un río de afectos e complicidades con Piñeiro, García-Sabell e outros galeguistas de Posguerra namentres foi agregado cultural da embaixada de Arxentina en Madrid entre 1955 e 1960. E as súas colaboracións en Grial, na Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, no Suplemento del Sábado de La Noche e, en fin, noutras empresas culturais nas que demostrou, decote, seguir vencellado á nosa literatura, á que mesmo dedicou a antoloxía bilingüe Florilegio del Cancionero Vaticano (1952).

De todas estas facetas do poliédrico e xenial escritor trata o volume colectivo Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia (Centro Pen Galicia, 2015), onde, baixo a coordinación de Luís González Tosar, escriben sobre este memorable arxentino-galego ensaístas de ambas as terras nunha edición patrocinada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, coa colaboración institucional tanto da AAL coma da RAG. Un convite inmellorable para mellor coñecer a quen foi escritor de patria arxentina e matria galega.

[Faro de Vigo, 7-5-2015]

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.