Ars dedicandi: Enrique Labarta Pose

ars dedicandi labarta poseEnrique Labarta Pose naceu en Baio, Zas, tal día coma hoxe do ano no que Rosalía publicou Cantares gallegos. Foi, sobre todo, xornalista, e ben activo, amais de poeta de xenio humorístico. Do primeiro dan testemuño as diversas cabeceiras que entre fins dos anos 80 e os 90 do século XIX dirixiu tanto en Santiago coma en Pontevedra. Do segundo son exemplo, á parte doutros opúsculos, principalmente as páxinas de Bálsamo de Fierabrás (1889), a “Colección de versos en gallego y castellano” que lle prologou Alfredo Brañas e que foi imprentada en Madrid pola coñecida Librería de Fernando Fé.

Labarta Pose traballou na Facenda Pública e, como profesional formado no Dereito, mantivo o trato con outros avogados, como o destinatario da súa dedicatoria, Álvaro López Mora, político liberal santiagués, amigo de Montero Ríos, que, daquela, era Director Xeral do Contencioso do Estado e, polo mesmo, persoeiro público de relevo.

Fique, pois, aquí este pequeno recordatorio ao poeta que, en morrendo Curros Enríquez, o chorou con estes versos:

Tristes queixumes, por veigas, congostras e montes escoito;
semellan laios os longos runxidos dos vellos pinares;
Galicia chora, doente, ferida, cuberta de loito
polo cantore das suas ledicias e dos seus pesares.

 

Esta entrada foi publicada en Ars dedicandi e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.