Ars dedicandi: Ánxel Fole

Ánxel Fole. Terra bravaO 11 de agosto de 1903 naceu no número 1 da Praza de Campo Castelo en Lugo Ánxel Fole, voz fundamental da narrativa galega de Posguerra e xornalista de longa e recoñecida traxectoria.

Moitos foron os amigos do mundo literario que este clásico das nosas letras tivo ao longo da súa vida, que deu de si, pois aínda nos deixou en 1986.

Entre as máis próximas e queridas amizades dos últimos lustros atópase a parella formada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen trataron dende moi novos o escritor e compartiron con el moitas vivencias, principalmente o autor de Tigres de ternura, quen lle dedicou varias monografías e numerosos estudos.

Esta dedicatoria que hoxe recupero por xentileza de Blanco e Rodríguez Fer testemuña esa amizade garimosa que, dende a primeira hora, os uniu a Fole.

Figura estampada na que é a segunda edición de Terra brava, aparecida en 1976, un volume que conserva na cuberta o deseño orixinal que Maside fixera para a edición primeira, cunha variación cromática.

Ao cumprirse os cento doce anos da vinda ao mundo daquel maxín soñador de loberías e trasmundos, vallan estas liñas para enviarlle unha saudiña ao Alén, do que tanto escribiu, ¡si, señor!

Esta entrada foi publicada en Ars dedicandi e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.