Ars dedicandi: Manuel Luis Acuña

ars_dedicandi_acuñaFica memoria de Manuel Luis Acuña pola publicación dun único poemario: Firgoas. Se atendemos ao colofón da obra, saíu do prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal o 6 de setembro de 1933 e foi pronto recibida con aplauso en cabeceiras como A Nosa Terra, La Región ou Heraldo de Galicia, nalgunhas das cales o autor era tamén colaborador.

O exemplar da primeira edición que se amosa (e que reproduce a cuberta que para esta deseñou un daquela ben mozo Manuel Prego de Oliver) vai dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, institución de prestixio á que pertencían moitos galeguistas que Acuña admiraba e dos que mesmo era correlixionario no PG, como os tamén ourensáns Risco e Otero Pedrayo ou o rianxeiro Castelao, o que xustifica o obsequioso envío do libro ao SEG.

Ás cinco da madrugada doutro 19 de agosto, o de 1975, diluíuse no “Gris” Manuel Luis Acuña:

Nin branco nin preto.
Eso
Sin tremores de ríos
nin badaladas de páxaros.
Sin ritmo de astros
nin estraligos de noite medoñenta.
Sin oubeo de lobos
cando o vento galga por cómaros e crevadas.
Sin salaios de arbres
cando asolagan rosas nos remuiños do solpor.
Periférico.
Sin cerne nin miola.
Chairo.
Sin apertas de curvas nin adeuses de penedías.
GRIS.

 

Esta entrada foi publicada en Ars dedicandi e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.