Time Out

CortegosoSigo dende hai tempo a dramaturxia de Santiago Cortegoso, á que teño dedicado xuízos en diferentes ocasións. Interesoume no seu día “Intercom-baby” (2012), a peza que coasinou con Marián Bañobre coa que obtivo o galardón da audencia do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, unha moi suxestiva microtraxedia na que a tensión dramática e o suspense o gobernaban todo, mesturando sabiamente realismo atroz e fantástico terrorífico para dar como resultado unha historia intensa e insólita. Coa mesma colega escribiu “Despois do sinal” (2013), novamente finalista do VII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, da que opinei no seu día que era unha creación arriscada e orixinal tanto pola súa estrutura compositiva coma pola verosemellanza dialéctica que consegue mergullarnos na realidade social máis actual para verter un sutil alegado contra os abusos de poder, a incomunicación e mesmo a tensión relacional que acora os individuos. E hai non tanto ocupeime de Raclette (2105), alto teatro escénico, literatura dramática de quilates que mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais.

Actor e director de escena, Cortegoso é deses escritores aos que lles sobran cinco balas do cargador literario para perforarche o sentido. Con el cúmprese a máxima de menos é máis, pois cos elementos mínimos e imprescindibles consegue comunicar un mundo: tres personaxes, un escenario único e sobrio en decorado, ningún efecto, nada de atrezzos imposibles, ren de rebuscadas caracterizacións. Words, words, words.

Smoke on the WaterSmoke on the Water é unha sinfonía teatral, un percutir triunfal, Wagner rabioso que esmaga os cerebros depauperados polo capitalismo cínico e hipócrita. É certo que o drama persoal dos tres protagonistas persiste —máis ben subsiste, isto é, permanece no sub-stare—, pero o que está sempre latexando con forza tras cada episodio entre eles é a banda sonora da Vida mesma: a soidade, o desvalemento, os amores truncados, as oportunidades perdidas, os camiños errados e sen saída, as ledicias fuxidías, as revelacións tardías, os amores compasivos, o lenocinio monetario, a explotación clasista, time out, no way, homo homini lupus.

Hai moita Filosofía neste Smoke on the Water, pero desa ben traída, que non cita a Platón ou Kant gratuitamente, senón cando procede, coa fondura reflexiva e transcendente que lle acae, o que non priva tampouco de imprimir aos diálogos megatóns de ironía, quilos e máis quilos de ácidos retruques cos que os personaxes desenvolven os que, máis que diálogos, son combates de boxeo dialéctico nos que todos resultan perdedores ante a ingratitude do destino.

Xente do teatro, xente sabida, decidiu distinguir Smoke on the Water co III Premio MOME de Teatro Varela Buxán. Feliz decisión, pois grazas a ela —e aos bos oficios da Fundación Cultural da Estrada— é accesible en libro esta peza tan eléctrica coma o himno de Deep Purple que lle dá nome, unha obra que tivo xa unha lectura dramatizada no pasado decembro baixo a dirección de Fran Paredes e a iniciativa da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e que agardamos poder seguir vendo nos escenarios.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 16-8-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.