Ánimas en pel

almas de algodonNon sempre sucede que os textos que se verten á nosa lingua ofrezan por igual interese ao lector de hoxe e calidade literaria. No eido da literatura infantoxuvenil este feito produce efectos aínda máis indesexables ca noutros, pois baixo o paraugas da educación en valores, a transversalidade, pluralidade, solidariedade e integración sociais fatígasenos moitas veces con subprodutos infraliterarios absolutamente infumables. Son o primeiro que defende a positiva existencia e inclusión destas realidades en calquera escrita, pero coido que tales temáticas non son incompatibles coa excelencia estética, o que parece que non todos acaban de comprender.

Afortunadamente, nada do que lamento ten que ver, nin de xeito remoto, con Almas de algodón, a tradución de Ànimes de cotó en pèl, o título co que a editorial valenciana Andana publicaba este relato de Enric Lluch no 2009.

Almas de algodón é unha historia protagonizada por Carlos, un rapazolo discapacitado intelectual que ten de repetir cuarto de primaria e se atopa coa dificultade engadida dunha mudanza de cidade e, polo mesmo, da traumática adaptación a unha nova escola e novas xentes.

enric lluchPolo camiño van aparecendo outros personaxes fundamentais na narración: os seus compañeiros de aula Tareixa e Antón, os pais do propio Carlos, o misterioso ancián Tobías e outros.

Nada é doado para Carlos porque, como el di, “esquécenlle as cousas moi facilmente. Algunha vez pensou que, quizais, ten un furado invisible que conecta o cerebro coas orellas e, por este furado, escápanlle algunhas cousas que debe lembrar”. Pero coa axuda dos seus amigos, do vello Tobías, dos mestres e dos pais, Carlos conseguirá ir adaptándose e superar as dificultades máis perentorias para o razoable desenvolvemento do seu día a día, procurándolle benestar e felicidade.

O relato de Lluch é, por tanto, un precioso documento para facer reflexionar aos lectores novos a propósito da non discriminación, a valoración da discapacidade, a potencialidade do propio esforzo e das calidades persoais, a imaxinación como vía de coñecemento e de xeito de se enfrontar ao mundo, o pracer pola lectura, a importancia da familia ou o esencial do ocio construtivo.

Estas Almas de algodón chegan a nós da man de colección Árbore da Editorial Galaxia, pero, sobre todo, mercé aos bos oficios da súa tradutora, a investigadora e estudosa María Dolores Villanueva Gesteira, quen, como filóloga natural de Cotobade e profesora na UBA durante anos, coñece á perfección tanto a lingua de partida como a de chegada, o que asegura un traslado non só fidel, senón tamén intelixentemente adaptativo alí onde malores_villanuevacómpre. Neste sentido, é moi agradecido comprobar como tanto dende o semántico coma dende o pragmático e fraseolóxico o orixinal foi vertido anosando fórmulas que nos fan a historia máis próxima e entrañada.

Para aqueles que non coñezan aínda a escrita de Enric Lluch (quen xa ten ao galego máis dunha ducia de títulos traducidos con anterioridade), recoméndolles este Almas de algodón, mostra acabada de como a boa literatura tamén sabe de valores.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.