Trobeiros internacionais

CantigasEn tempos non sempre doados para a visibilidade das nosas letras no territorio propio, é reconfortante observar como, mundo adiante, a proxección da literatura galega se consolida e medra. Traio hoxe a esta páxina dous exemplos que confirman o que escribo. O primeiro deles é a edición que das Cantigas do trobador Afonso Anes do Coton acaba de publicar Carocci Editore en Roma. O prestixioso selo italiano confiou a edición deste importante corpus lírico dun dos nosos máis coñecidos trobeiros a Simone Marcenaro, destacado medievalista formado na Università degli Studi di Milano, quen xa con anterioridade tiña abordado a análise das cantigas de autores como Pero Garcia Burgalés, Pero da Ponte ou Alfonso X, entre outros.

Estas Cantigas de Afonso Anes do Coton recollen as dúas composicións de amigo, quince de escarnio e maldicir e o par de tenzóns que sabemos, a ciencia certa, que escribiu este trobador que supoñemos natural de Negreira (ou, segundo as últimas investigacións, talvez mesmo de Santiago) e que estivo activo nos mediados do século XIII, máis concretamente entre 1240 e 1270, próximo decote á corte e o monarca Alfonso X.

simone marcenaroO volume inclúe tamén outras cinco cantigas de atribución dubidosa e, sobre todo, un amplo e moi documentado estudo introdutorio de Marcenaro, quen non só refire por extenso os poucos datos biográficos que coñecemos sobre o autor, senón que tamén dedica páxinas eruditas á tradución manuscrita a través da cal conservamos os seus textos, analiza os temas, estilo e métrica das cantigas e dispón uns ben precisos criterios filolóxicos de edición. Por remate, o libro enriquécese cun apéndice con abondosas notas ás composicións, unha bibliografía especializada, un completo rimario e un selecto glosario galegoportugués medieval-italiano moderno para o lectorado daquelas terras, quen, xunto ao texto orixinal de cada cantiga, pode acceder tamén a unha versión en italiano actual para unha máis doada comprensión.

Grata nova, pois, a aparición destas Cantigas de Afonso Anes do Coton na Biblioteca Medievale de Carocci Editore, que acertou ao pensar en Simone Marcenaro (quen xa se encargara da edición crítica de Anes do Coton en 2012 no mesmo selo) como o investigador idóneo para divulgar os divertidos ferretes que o trobeiro galego lanzou contra Don Fagundo, Mari Mateu, o Meestre Nicolas, Maria Garcia, Paai Rengel, Orraca Lopez e outros.

Xograr Martin CodaxNon menor aplauso merece a tradución das sete cantigas de amigo do celebérrimo Martin Codax que acaba de tirar do prelo a editorial Ronso no Xapón. Baixo o título Xograr Martin Codax o noso mellor tradutor á lingua nipona, o profesor Takekazu Asaka da Universidade Tsudajuku de Toquio, suma este seu traballo a outros anteriores nos que xa vertera á lingua oriental a Rosalía, Cabanillas e outros.

Xograr Martin Codax é unha edición bilingüe onde, á par dos textos orixinais galegos, comparecen as súas translacións ao xaponés, acompañadas de notas e comentarios do editor.

O volume conta, así mesmo, cun limiar de Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega, titulado “Sete poemas de amor escritos en galego do século XIII traducidos ó xaponés do século XXI”.

Takekazu AsakaA reprodución fotográfica do Pergamiño Vindel, unha introdución contextualizadora e analítica do editor, un selecto glosario galego medieval-xaponés actual e unha escolleita bibliografía crítica completan o apartado textual deste libro que moito cómpre agradecer ao ímprobo esforzo de Takekazu Asaka. A maiores, Xograr Martin Codax complétase coa inclusión dun CD estoxado no que Yuri Ensemble interpreta as sete cantigas de Martin Codax.

De Italia ao Xapón, a literatura galega e os seus trobeiros son internacionais dende as súas orixes. Porque somos un pobo que canta para o mundo e goza sabendo que a nosa palabra e os nosos sons son tamén apreciados noutras latitudes.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 2-8-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega, Tradución e etiquetada , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.