Escrita suicida

FotografíaDesconcertante, ácida, reveladora. Así é a escrita de José María Pérez Álvarez, que volve á actualidade literaria mercé á publicación de Examen final na colección Litterae de Trifolium, onde xa aparecera tamén a súa anterior novela, Tela de araña, hai tres anos.

Examen final recunca nalgúns dos seus sinais narrativos definitorios: a visión crítica e agónica da vida, a indagación nos porqués das complexas relacións humanas, o sentido do propio exercicio autorial. O narrador (voz en primeira persoa protagonista) desvela as razóns deste fatigarse coas palabras ao tempo que nos dá as claves argumentais do relato: “se preguntó [Tito Colmenar, un crítico literario que lle resulta insoportable ao protagonista] de qué podía, de qué debía hablar la literatura hoy. Lo tienes claro: del dolor, de tu dolor. No de ese dolor universal de hambrunas, guerras, catástrofes, miseria, enfermedades. No. De tu dolorcito ensimismado. De esa punzada cruel en el hígado, de la muerte de Marcela [unha cascuda, kafkiana amiga do protagonista], de tu notorio alcoholismo, de que Erótida [a súa muller] ronque suavemente, de que Ester [a súa axente literaria] no salve tus libros, de tu cadáver sobre un coche rojo [pesadelo recorrente que vertebra toda a novela]. De tu mundo. De tu cuerpo: tu cuerpo reclama toda tu atención. El mundo está en tu hígado. No sabes escribir de otra forma, no puedes escribir de otra forma, no quieres escribir de otra forma. Todos tus libros hablan de ti, de tu universo, tan insignificante”.

examen finalA longa cita exímeme de maiores aclaracións verbo dos contidos de Examen final, auténtico exercicio de purga e expiación, baixada aos infernos no que a práctica da escrita é “un obsceno tumor”, un proceso de autodestrución, suicida, onde non se escribe nin para que o queiran a un, nin para espirse, nin para lograr o libro que a un lle gustaría ler, nin para retrasar a morte, ni para vivir outras vidas. Ao contrario: escríbese para dar fe, case notarial, do imparable avance da decadencia persoal e a inminencia da morte, do esfarelamento do mundo que extenúa, que allea e enfastía e no que, definitivamente, un non ten lugar, non se sente integrado.

Egotista, extrema e atroz, Examen final aboveda o seu edificio narrativo coa cita á mellor tradición mítico-simbólica, que desfila no monstro do Minotauro no que se ve espellado o protagonista, no non tan semblable nin tan frère lector ao que o autor se dirixe, nas cascudas kafkianas que o acompañan nas eternas horas solitarias.

O resto é unha caída da casa dos Usher persoal, un relato da crise do individuo, do eu centrífugo que goberna a novela e que nos arrastra nese declinio imparable cara aos abismos e a ruína dos propios pasos que proclama o terrible resultado deste derradeiro exame. Iso si, narrado todo cun xenuíno estilo que fai de Pérez Álvarez un dos escritores máis valiosos da escena literaria española actual, lonxe de convencionalismos, de prosas efectistas e territorios da diexese acomodados.

Un pracer a lectura deste Examen final. E un gusto velo publicado nunha editora galega, Trifolium, que tantas alegrías nos leva dado nos últimos tempos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 23-8-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.