Literatura sobre rodas

O Parnaso sobre rodasChristopher Morley (Pensilvania, 1890-Nova York, 1957) é un deses curiosos híbridos literarios que reúne na súa escrita a elegancia británica de quen se formou en Oxford e a espontaneidade narrativa dos grandes columnistas e reporteiros estadounidenses da época dourada.

Dotado dunha admirable versatilidade, as súas novelas conxugan a aventura, o humor e a reflexión filosófica en tramas dúctiles, que conseguen entreter ao tempo que moven o pensamento.

Probablemente os títulos máis celebrados de Morley sexan Kitty Foyle (1939) —obra levada ao cine pola que Ginger Rogers obtivo un Oscar— e Thunder on the Left (1925), tamén adaptada ao teatro no seu día por Jean Ferguson Black.

Mais a obra coa que se estreou como narrador foi Parnassus on Wheels, relato publicado en 1917 por Doubleday, Page & Co., a editora neoiorquina na que traballou uns anos como publicista e lector. É este o libro que Estela Villar traduciu para Rinoceronte como O Parnaso sobre rodas, achegando por vez primeira ao público galego un autor non demasiado coñecido por estas latitudes.

O Parnaso sobre rodas é a historia dun vendedor ambulante de libros (Roger Mifflin) que atravesa Nova Inglaterra ofrecendo a súa mercadoría nunha sorte de carromato-librería. Nunha das súas viaxes, chega a unha granxa na que convence unha dona (Helen McGill) de que o substitúa na súa dedicación para que el poida retirarse. A partir dese momento hanse suceder unha serie de episodios máis ou menos rocambolescos nos que a paixón polos libros e a liberdade latexan en cada páxina xunto á fe no amor e un tenue feminismo acorde á época.

christopher morleyMorley sérvese do argumento para incidir en temas que aínda hoxe, case unha centuria máis tarde, seguen de actualidade; poño por caso: o feito de que as xentes sexan capaces de desbaldir en tecnoloxías varias ou melloras dos seus rutilantes vehículos pero non sexan quen de investir no seu futuro formándose na lectura. Porque as persoas do común do tempo de Morley “pagarán ben por unha desnatadora ou por unha capota para o carro, pero ninguén lles ensinou nunca a preocuparse pola literatura”. Tróquese ‘desnatadora’ por smartphone e ‘capota para o carro’ por ‘equipo de son para o coche’ e comprenderase mellor a vixencia da mensaxe.

A entrega sen límites ás bondades da literatura dos protagonistas vendedores ambulantes faise patente en parágrafos que son non un convite á lectura, senón a defensa de todo un xeito de vida e de aprehensión da realidade: “Creo que ler un bo libro nos fai modestos. Cando es testemuña da marabillosa percepción da natureza humana que amosan os libros verdadeiramente bos, estás destinado a sentirte pequeno… coma cando observas a Osa Maior nunha noite despexada ou cando, unha mañá de inverno, contemplas o amencer”.

As divertidas aventuras da señora McGill e o señor Mifflin tiveron unha continuación alén deste ameno O Parnaso sobre rodas, tan dilixentemente traducido por Estela Villar: The Haunted Bookshop, unha obra que Morley deu a coñecer dous anos despois e na que levou os protagonistas dende o rural dos pequenos estados fundadores ata o urbano de Brooklyn, onde pasarían rexentar unha singular e ‘encantada’ librería que é a que dá título a esta nova entrega das súas peripecias, aínda non vertida ao galego. Velaí un reto pendente para Rinoceronte e o seu equipo de tradutores: proporcionar aos lectores a posibilidade de seguir gozando co idealismo de Mifflin e a practicidade de McGill en novas páxinas de animadas andainas.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 30-8-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Outras literaturas e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.