Moito máis que un premio

planeta2015Cando un viaxa a Catalunya cómprelle saber que na terra dos laietanos todo é, sempre, moito máis do que parece; poño por caso, un equipo de fútbol é moito máis que un club, a comparecencia xudicial dun presidente autonómico é máis que unha simple declaración e, por suposto, a celebración dun premio literario da entidade do Planeta é máis que o outorgamento dun galardón.

A pouco que un escaravelle na longa e celmosa historia do Planeta descobre pronto que a dimensión social e simbólica do mesmo vai alén dunha mera distinción. Dende o puramente cuantitativo, as cifras falan por si soas: 64 convocatorias, 21.000 orixinais presentados en todo ese tempo, 41.000.000 de exemplares vendidos dos libros premiados e, aínda neste mesmo ano, 486 novelas a concurso entre as que se contaban 116 obras de América, 31 do resto de Europa e 2 de África, amais de, no Estado, 3 coruñesas, 2 lucenses, 1 ourensá e 2 pontevedresas.

Pero Planeta non só é un evento asombroso pola dimensión das vontades autoriais e lectoras que move, senón tamén pola festa da palabra, a celebración comunal do literario que convoca.

Autoridades, representantes de infinidades de medios de comunicación, personalidades varias e mesmo levitantes celebrities pasan a noite do 15 de outubro de cada ano polo photocall do Palacio de Congresos de Catalunya para lembrar que o libro é, por un día, o protagonista da comunidade e que a verba escrita transversaliza socialmente un fenómeno que é, claro está, literario e non só.

Que Jordi Hurtado, Ana Simón ou Cristina Pedroche alternen con Matías Prats ou Fernando Sánchez Dragó, que todos eles crucen con Artur Mas ou Ana Pastor, pero tamén con moitas cidadás e cidadáns dos eidos culturais e outros, dá razón de como o Planeta é tamén, en gran medida, un evento que obra o milagre de facernos sentir a todos, nesa xornada, parte do mesmo proxecto común: a admiración literaria, o respecto pola palabra compartida.

planeta2015(logo)Este ano foi, ademais, un ano especialmente sentido para a familia de Planeta, quen vivía a primeira  organización do premio sen quen fora o seu capitán de navío nos últimos lustros, José Manuel Lara, falecido recentemente. Á súa memoria e ao seu gran legado dedicaron garimosas palabras moitos dos que foron os seus colaboradores máis directos e tamén os membros do xurado, que tan estreitamente o trataron: Alberto Blecua, Fernando Delgado, Juan Eslava Galán, Pere Gimferrer, Carmen Posadas, Rosa Regàs e Emili Rosales.

Os arúspices que nesta ocasión catalizaron as bondades do fasto fado foron a coñecida narradora Alicia Giménez Bartlett (abondaría dicir Petra Delicado para situármonos) e mais o exitoso mozo realizador Daniel Sánchez Arévalo (AzulOscuroCasiNegro, 2006; La gran familia española, 2013). A primeira promete en Hombres desnudos fondura na prospección social dun mundo en crise, cambiante e moi complexo, onde os roles de xénero se redefinen á luz das trapelas clasistas e da propia peripecia sentimental e emotiva duns personaxes que andan a pasar páxina nas súas respectivas vidas.

Da súa parte, en La isla de Alice Sánchez Arévalo ofrece un artefacto literario que non renuncia aos códigos internos da visión fílmica e que vai de ida e volta polas agras dun sui generis thriller con misterio por resolver e que é, asemade, un retrato da sociedade e, sobre todo, unha historia de superación que convida á reflexión verbo do duro que resulta seguir adiante tras a desaparición dun ser querido.

Alicia Giménez Bartlett e Daniel Sánchez Arévalo, que verán pronto os seus libros no mercado, constitúen o último exemplo dese fascinante imán socioliterario que chamamos Planeta e que é, que dubida cabe, moito máis que un premio.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-10-2015]

Esta entrada foi publicada en Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.