Ubres de néboa

Trona, o merloO oficio de poeta é o do pastoreo das sombras, un falar consigo mesmo en cadoiro infindo, remoer de tempos que conducen ao espello da revelación, a auga durmida dun eu fuxidío que só se albisca en soidade. Por iso non dan ben coas saudades dos vates nin as parafernalias sociais nin os circos mediáticos. O poeta é voz esencial da comunidade e, como tal, debe comparecer cando cómpre, mais non en calquera ocasión nin de calquera maneira.

Esa natural discreción é letra sagra para Luís Valle. Ata o de agora, o poeta de Lugo sabía de cigurats, coroas, caídas, fedores, mendiños e cicatrices. Descubrimos hai nada que tampouco os merlos e as tronadas tiñan segredos para el, como testemuña Trona, o merlo, poemario editado por Barbantesa no que reúne setenta haikus entre os que se intercalan ilustracións de Baldo Ramos.

Valle domina o tempero da arte secular de Basho e consegue amalgamar, en nova alquimia, paisaxe, tempo e sentimento ata dar con ese precioso elixir do estacional epifánico que aprendemos das terras do Sol Nacente e que tanto vizo foi gañando estes últimos anos nas landas nosas do Solpor.

Van e veñen polos tríades os bosques e os cervos de luz, as rulas encol das ramas, as marzas e as amoras, as tardes de sol imposible nas que locen as gadañas, os ofidios gobernando a herba seca, os lóstregos somnámbulos, as eiras ardentes nas que as ras lle falan á morte, as aves que esvaen nos ubres da néboa e a relixión da xesta branca e o toxo arnal, os trobos deshabitados e os callóns na gorxa, o vento e as formigas señoreando os vargos, as xorimas dervixes e a xistra dioivando, o escarabeido que escoita medrar a herba, as noites de carballos trementes e trabes a ruxir, as larvas retortas e os corvos xeados, o caracol enfermo e o ouriolo que chama pola flor.

lvalleEn Trona, o merlo están as airexas dos trobeiros (“Morreume a Amiga./ En Augalevada os montes/ están máis quietos”), os soños chovidos de Novoneyra, as herbas avesías de Pimentel, as tardes largacías de Aquilino. E están Eliot e Rilke e Auden e o Lorca máis surreal, un olimpo sensitivo que lustra a pátina áurea desta poética de tempos estantíos e agras infindas.

A metafísica de Valle conduce á fusión cósmica, ao pálpito telúrico irrenunciable no que non se precisa ir ao camposanto, ése o camposanto (“Non preciso ir/ ao cemiterio, son/ o cemiterio”), e a neve ósmase fóra coma o derradeiro vagón no o que Ser-Tempo se fai esférico (“Ulo a neve fóra/ do último vagón./ O tempo está cheo”).

Trona, o merlo de Luís Valle é a constatación da solidez creativa dun poeta que deloura aos poucos a súa voz e vai ensinando rexistros aos que xa poucos chegan, augurando un futuro cada vez máis prometedor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 4-10-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.