Casas literarias: Manuel Leiras Pulpeiro

Casa Leiras IIEsta que aquí vedes é a casa natal de Manuel Leiras Pulpeiro. Veu ao mundo nela o 25 de outubro de 1854. Entón, a vía na que se atopa coñecíase polo nome de Rúa da Ronda (pois por alí discorría, en tempos, a vella muralla medieval da cidade) e a vivenda levaba o número 18. Hoxe chámase Rúa de Febrero (en honor a José Febrero, o famoso xurisconsulto mindoniense do século XVIII) e foi renumerada.

Temos constancia da súa nacenza nesta rúa porque así o testemuña o libro de bautizados do Arquivo Diocesano de Mondoñedo, tal como documentou no seu día Andrés García Doural nun seu estudo sobre a familia Leiras.

O que logo foi o primeiro dos grandes poetas mindonienses contemporáneos residiu en diferentes vivendas da súa cidade natal, pois foi dunhas a outras primeiro con seus pais —cando era neno aínda— e logo por si mesmo debido a diferentes causas (poño por caso, o seu casamento con María de los Milagros Andía Villar).

Leiras Pulpeiro é un acabado exemplo de mindonicidade xenuína, pois contados foron os períodos que permaneceu lonxe da súa raiceira (apenas o tempo dos estudos superiores, pois, unha vez licenciado en Medicina, regresou decontado a exercer en Mondoñedo).

Placa Leiras IVDáse, por tanto, un íntimo vincallo entre o vivencial e o autorial no caso de Leiras Pulpeiro, o que explica a autenticidade e a fonda incardinación de toda a súa escrita nesta psicopaisaxe. Os seus Cantares gallegos e outras composicións amentan topónimos desta terra, aluden a tradicións e costumes seus e, sobre todo, están escritos con abondosos mindonesismos. Mesmo recolectou moito cantigueiro e paremioloxía da tradición oral desta bisbarra e enviou á Real Academia Galega un vocabulario con léxico da zona.

Tal foi a identificación de Leiras Pulpeiro coa súa Terra e a súa Historia (velaí a súa reivindicación da figura do Mariscal Pero Pardo de Cela) que, ata na derradeira hora (da que hoxe se fan cento tres anos), quixo que o lembrásemos sempre ledo e esperanzado entre simbólicas e emblemáticas ‘rosas roxas’:

Se cando me fine, as campás…

Se cando me fine, as campás
do meu lugar non me choran;
se, onde os meus, achegadiña
non abren logo, a miña cova,
e enriba dela non poñen
roseiras de rosas roxas,
ben roxas, como as que eu coido
con amor na miña horta;
que non me chamen para o ceo,
que non vou, non sendo á forza,
sen botarme antes, de noite,
pola aldea de riola,
ata que comigo pegue
quen me requira e me ouza
e faga tanguer as campás;
e que, onde quero, me poñan,
e, despois ao pé meu teña
roseiras de rosas roxas.

 

Esta entrada foi publicada en Casas literarias e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Casas literarias: Manuel Leiras Pulpeiro

  1. Pingback: Dietario de Mondoñedo: 9 de novembro de 1912 | Caderno de campo de Antonio Reigosa

Os comentarios están pechados.