In memoriam Ramón Lugrís

ramonlugrisOnte fóisenos o intelectual Ramón Lugrís, que nacera no Ferrol en 1932. Tradutor na BBC en Londres e na ONU en Nova York, malia a súa diáspora estivo sempre atento á realidade sociocultural e literaria galegas e mantivo o contacto coas figuras principais do galeguismo do seu tempo.

Reproduzo aquí unha carta inédita que enviou a Ramón Piñeiro o 2 de outubro de 1961. Nela, á parte doutras cuestións relativas a envíos bibliográficos, escribiulle ao de Láncara para transmitirlle a súa moi positiva lectura do poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro, opinión que confirmou días despois ao comentar gabanciosamente o libro para o xornal La Noche (9-11-1961).

Piñeiro fíxolle chegar esta carta a Díaz Castro con outra que el mesmo lle escribiu (8-10-1961). Respondendo á mesma (10-10-1961), o de Guitiriz confesoulle ao de Láncara estar asombrado e moi agradecido “polos termos desmesuradamente eloxosos” que Lugrís dedicara a Nimbos, o mesmo que repetiu a Piñeiro noutra carta días máis tarde (24-10-1961), misivas todas estas que hoxe poden consultarse no Epistolario do guitiricense.

Sirvan estas liñas como recoñecemento ao estudoso de Risco, ao galeguista que axudou a pensar os rumbos do país no faladoiro do Derby compostelán, onde coñeceu a Otero Pedrayo, Del Riego, Piñeiro, García-Sabell, Cabanillas e tantos outros e onde logo foi irmán dos Franco Grande, Rodríguez Mourullo ou Cores Trasmonte, o mesmo que na BBC foi compañeiro de Pérez-Barreiro Nolla e Punset e en Nova York compartiu angueiras con Martínez López ou Guerra da Cal.

Esta entrada foi publicada en Varia e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.