Letras escolleitas

Mosaico cos libros destacados do 2015Traspasada a soleira do aninovo, acáelle facermos reconto do que o ano vello nos deixou literariamente, separar o gran da palla e gardar no celeiro o mellor e mais madurecido froito.

No eido da narrativa, o 2015 que se nos foi agasallounos con media ducia de títulos sobresalientes. É o caso desa homenaxe ao mundo dos libros, a liberdade e os soños que Manuel Rivas nos lega en O último día de Terranova. Tamén da historia de descubrimentos que mergullan nun pasado ilusionado e afinca nun presente rabudo que Antón Riveiro Coello debuxa en Os elefantes de Sokúrov. Evidentemente, o Eros e a Política que gobernan a revolución bolxevique de Inesa Armand e Lenin na Ostrácia de Teresa Moure, intensa alegoría de nós. De igual maneira, a memoria colectiva do Vigo que foi e que é e mais a peripecia familiar inzada de escuros segredos que Fran P. Lorenzo asina en Cabalos e lobos. Tamén si, a recreación do feraz universo trobadoresco que Manuel Portas deseña en Lourenço, xograr, avolto territorio de pugnas monárquicas, tiranías clasistas e amores non só corteses. Por remate, igual as Interferencias de Manuel Seixas, recuperado para a escrita pública tras un longo período de silencio que ve a luz ao final do túnel con este seu poderoso relato sobre a identidade e o destino.

O verso tamén brillou con forza o pasado ano. Fulgurou na (meta)poética dixital de Fran Alonso no seu vivificante Poetic@. Ardorou nesa cartografía hibridada entre o emotivo e o cognitivo que debroca na intuición pura en Zonas de tránsito de Ramón Neto. Espellou na estética disidente e subversiva de Elías Portela e o seu Bazar de traidores. Irisou en O que precede a caída é branco de Oriana Méndez, himno á esperanza silandeira, ao rumor rebelde do océano que agarda polo tsunami operario. E, xaora, eclosionou na epifanía cosmogónica, a revelación da raíz que tradea a poesía skáldica de Manuel Rivas en A boca da terra.

biblioteca america uscO teatro de noso vive horas difíciles, escasas. Emporiso, a calidade da súa escrita dramática está salva. Confírmao a metafísica sinfónica, o menos é máis contra o capitalismo cínico e hipócrita que berra Santiago Cortegoso en Smoke on the Water. Tamén as imaxes imantadoras, as personaxes agónicas e o fatum irremediable que todo o arrastra en Ela, piedade dos suicidas (Baía), do poliédrico Xavier Lama.

Houbo ceifa abondosa tamén na agra do infantoxuvenil. De entre o moito sementado, préstame espigar o onírico de imaxinación desbordante co que María Solar inzou O meu pesadelo favorito. Tamén o terror albo que arrepía en A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, mestría na arquitectura do relato ao servizo de poderosas pulsións. Por descontado, a recuperación do noso acervo lendario na recreación versal e a refacta relatística de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa en Lendo lendas, digo versos.

Ano de seca, ano de seda. Así foi para deixarnos páxinas farturentas coas que seguírmonos acompañando neste 2016 que agora escomezamos e ao que haberá que lle pedir, ao seu tempo, que renda non menor proveito.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-1-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Narrativa galega actual, Poesía galega actual, Teatro galego actual e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Letras escolleitas

  1. Toño Núñez di:

    Canto les, amigo Armando. Que envexa!

Os comentarios están pechados.